Como todo amor de verán que se prece, a Feira do Viño do Rosal volve cada xullo para colmar de ledicia, frescura e bo ambiente un concello que presume como poucos de historia e cultura do viño.
Con máis horas de enoloxía e lecer, a XXXII edición da feira chega cun programa reforzado para converter a Praza do Calvario nun escaparate único para as elaboracións das bodegas DO Rías Baixas Subzona do Rosal.
Preguntamos a Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Concello, sobre as sorpresas preparadas para a finde do 12 ao 14 de xullo, o potencial da subzona no noso panorama vitivinícola e moito máis.
No resto do mundo faise balance durante a Noitevella, pero en moitos concellos galegos os anos cóntanse máis ben de Feira do viño en Feira do viño. Ten o Concello de O Rosal moito que celebrar este ano?
Celebramos a importancia dun sector e dun produto que é parte da nosa identidade, cultura, orixe, tradición, historia, presente, futuro e, por suposto, do noso orgullo rosaleiro. O traballo de moitas persoas, veciños e veciñas, é un dos piares fundamentais que está detrás da recoñecida calidade do viño do Rosal.
O viño forma parte do patrimonios cultural e social de todos os Rosaleiros e Rosaleiras; e, a Feira do Viño, o escenario onde compartimos, damos a coñecer e gozamos da súa maridaxe coa música, o lecer, as amizades, a familia e os visitantes con todo tipo de actividades innovadoras.
A Denominación de Orixe Rías Baixas segue a consolidarse como unha marca moi valorada tanto no mercado interior como nos internacionais. Que perspectivas de crecemento teñen en concreto os viños da subzona de O Rosal?
A Denominación de Orixe outorga unhas características, unha regulación e un selo de calidade aos viños coa que se identifica ao Rosal. A realidade amosa que o sector das adegas da subzona do Rosal medra en canto a cifras de negocio e exportación.
Un dos grandes retos é esa innovación tecnolóxica na que algunhas son referentes e, como acontece con todo o sector agrícola, tamén o é unha ordenación do territorio que permita os equilibrios dun desenvolvemento agrario sostible e acorde á nosa realidade.
Supón un sector estratéxico para o municipio? Por que?
Ademais da identidade, orgullo e tradición, achéganos calidade do produto e emprego. É o sector máis importante en termos de cifra de negocio da Comarca do Baixo Miño e exporta arredor do mundo enteiro a máis de 70 países.
Tamén é un piar da súa identidade. Sabemos que xa os romanos producían viño nestas terras. Que dirían hoxe das actuais elaboracións se as probasen?
Moitas referencias documentais e artísticas falan da importancia do viño e do seu cultivo para os romanos, co seu Deus do viño, o Deus Baco. Para eles era moi importante e penso que estarían orgullosos de que os seus devanceiros apostasen polo mimo, o coidado e a calidade deste produto celebrando a súa relevancia cun gran encontro e recoñecemento social e cultural como é a Feira do Viño do Rosal.
Virían á festa?
Por descontado, non se perderían un evento tan máxico con estes viños do microclima rosaleiro (Ri).
Con que novidades se toparían este ano?
Pois imos poder gozar da Feira do Viño con máis horas da historia para a enoloxía e o lecer, inaugurando a Feira xa o venres ao mediodía.
Gozaremos de actividades innovadoras e moi diversas para desfrutar en familia coma un scape room centrado no sector vitivinícola, unha actividade para nenos e nenas a cargo de Xosé Tomás froito da nova obra editada polo Concello de “Entre Viños e Viñas”, un espectáculo de maxia e globoflexia ou un obradoiro de cociña para a cativada.
Ademais, contaremos con concertos musicais de diversos estilos como brass band, versións, pop-rock, indie ou tradicional e exposicións de filatelia, pintura e fotografía.
O programa deste ano reforza a aposta polas actividades enolóxicas. Hai unha vocación de profesionalizar a cita cada vez máis?
A Feira camiña tamén cara a valorización, o coñecemento e a profesionalización coa implicación e colaboración sempre do sector vinícola e das adegas, o que tamén se ve reflectido no pregón, a cargo dunha persoa recoñecida do mundo do viño. Este ano, o encargado será Fernando Gurucharri, Presidente da Unión Española de Catadores. Ademais nesta edición contaremos con máis enoloxía con dúas catas das que poderá desfrutar a veciñanza.
Xullo, Feira do viño, bo tempo e boa gastronomía e mellores paisaxes … Estamos ante un dos mellores momentos do ano para aproveitar e visitar o concello?
Sen dúbida! Teremos un incremento na diversidade da oferta gastronómica tamén nesta edición da Feira e na propia programación contamos cunha ruta guiada polos Muiños do Folón e do Picón. É un moi bo momento para practicar o enoturismo coas ofertas das diferentes adegas ou desfrutar do paisaxismo e valor natural e patrimonial que nos caracterizan visitando espazos da nosa costa como a Explanada do Horizonte no Camiño Portugués da Costa ou da nosa Ribeira do Río Miño ou do Río Carballas.
Unha mensaxe para a veciñanza nestes días?
Traballamos arreo e estamos diante da edición da Feira do Viño con máis horas de celebración e diversidade de actividades da historia. Gozade inmensamente e sentídevos orgullosos e orgullosas de brindar e compartir co mellor viño do mundo mundial, o viño do Rosal!!