Ánxela Fernández Callis: “O viño forma parte da nosa identidade como rosaleiros e rosaleiras”

A alcaldesa de O Rosal agarda que “toda a veciñanza poida gozar un ano máis da Feira do Viño e brindar polo mellor dos futuros xuntos”

Compartir: 

Feira do Viño do Rosal recupera este 2023 as súas datas habituais e prepárase para volver ser o mellor escaparate dos viños elaborados polas adegas desta emblemática subzona da D.O Rías Baixas a vindeira fin de semana do 14,15 e 16 de xullo. Falamos con Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Concello, sobre a cada vez maior importancia das etiquetas desta terra e as novidades do programa para a presente edición.  

– Esta é unha terra famosa polos seus viños. Que é o que os diferencia e os volve tan especiais?

– Lembro como desde ben pequena intres como a Vendima eran moi importantes. As familias xúntase para ir vendimar. Recordo como co burro e co cabalo percorríamos os matos de Fornelos e vendimábamos co meu avó e avoa, como pisábamos as uvas e despois o viño  nas  barricas. O viño para nós, os Rosaleiros e Rosaleiras, é parte do que somos, da nosa orixe, da nosa historia, do noso presente e futuro. 

Para min, ademais da gran calidade do viño, o gran vencellamento que ten ao territorio, grazas a ese microclima Rosaleiro tan característico, é unha das cuestións máis importantes. O viño e O Rosal camiñan da man desde fai xa moitos anos.

– Que significa o viño para O Rosal?    

– O viño está arraigado na nosa cultura. É parte da nosa identidade, historia, da nosa orixe, do noso presente, no que vimos un salto importante coa aposta pola innovación tecnolóxica do sector, e tamén dun futuro no que debemos procurar sempre un desenvolvemento co que avancemos de xeito equilibrado e sostible, tal e como demanda a propia sociedade.

O viño para nós é estratéxico. Non só imprime identidade, calidade e emprego ao Rosal, senón que xera riqueza cun tamaño empresarial e de exportación arredor do mundo moi importante. Trátase dun sector que está vencellado ao gran valor climatolóxico e da riqueza do noso territorio no sector primario. 

– Están a piques de comezar as festas…

– A Feira é para os Rosaleiros e Rosaleiras o escaparate no que gozamos de xeito lúdico do valor do viño elaborado polas adegas Denominación de Orixe Rías Baixas da Subzona O Rosal. O lugar onde sumamos sinerxías colectivamente coas que valorar e dar a coñecer á sociedade toda esa variedade de viños que reúnen este gran distintivo de calidade no noso pobo. 

Nestes últimos anos estamos sendo quen, ademais, de converter a Feira pouco a pouco nun referente cultural e de actividades diversas, de todo tipo. O viño marida a convivencia coa boa música, a actividade de lecer e de saúde, a posta en valor do patrimonio coas visitas aos Muiños do Folón e do Picón e ao Museo do Cabaqueiro, as actividades para familia, a gastronomía co showcooking, o valor do viño coa cata ou o enoturismo.

Recoñecida como Festa de Interese Turístico, a Feira é tamén o lugar do recoñecemento e encontro da sociedade cun sector estratéxico para a nosa comarca.  

–  Por fin recuperan as datas habituais?

– Pois si, recuperamos as datas do verán despois da excepcionalidade do ano pasado, no que puidemos comprobar que a Feira está tan consolidada como un gran evento que o cambio de datas motivado pola decisión de manter o lugar de celebración coas bodegas e a transformación da Praza do Calvario levou a que a Feira tamén fose todo un éxito en outubro.

– As principais novidades do programa deste ano?  

–Na semana da Feira teremos visitas guiadas as Muiños do Folón e do Picón, ao Museo do Cabaqueiro, haberá a posibilidade de rutas de enoturismo a realizar nas propias bodegas, cata comentada, a música volverá a ser unha das maridaxes importantes da Feira con actuación de grupos recoñecidos como The Soul Jacket o sábado e con grupos locais e actividades para familia, con contacontos, obradoiro de cociña para nenos e nenas e demostración de showcooking. Ademais, por primeira vez tamén contaremos coa participación de asociacións do concello. 

Este tamén é outro obxectivo a traballar, a de colectivizar a Feira tamén co asociacionismo que queira participar de xeito activo na mesma.

Ademais, seguiremos a desfrutar da gastronomía, restauración e produtos da contorna.

– Que adegas participan?  

–Participarán todas as bodegas que se atopan na Denominación de Orixe Rías Baixas e que forman parte da asociación Cabaqueiros do Rosal.

–  Reforzades a aposta pola profesionalización da feira. É importante contar coa presenza de miradas expertas?

Da man das bodegas, decidiuse dar un paso importante tamén no coñecemento da profesionalización dun sector que tivo unha transformación en termos de innovación e profesionalización moi importante nos últimos anos. 

A Feira tamén se converteu nos últimos anos no lugar de encontro e aprendizaxe con grandes expertos vitivinícolas. O ano pasado tivemos a gran sorte de contar con Pedro Ballesteros e este ano visitaranos o gran Jorge Vila Fernández, fundador da Galicia Wine Academy.

– O Concello tamén ten avanzado moito en termos de enoturismo. Como define a oferta da zona neste senso?  

É unha das grandes potencialidades presentes e tamén futuras do noso pobo e contorna, o enoturismo como motor tractor dunha realidade transfronteiriza e chea de actividade cultural, valor patrimonial e atractivo turístico.

– Recomenda a visita polo que vexo… 

Facer enoturismo é sen dúbida unha experiencia apaixoante en todos os sentidos. Non só pola experiencia do coñecemento dun ámbito de grandes curiosidades, potencialidades, aprendizaxes, avances e valores, senón pola experiencia sensorial de coñecer o mundo do viño por dentro nun entorno inmellorable como é a nosa contorna natural e paisaxística.

– Algún novo proxecto á vista relacionado co viño?

En relación ao que é o viño, a súa orixe, historia, evolución, transformación, tecnificación, coñecemento do sector, identidade, desenvolvemento como sector estratéxico, estamos a rematar un traballo moi orixinal e ilusionante que sairá á luz en breve e que se materializa nun libro fermoso dirixido ao público en xeral, á veciñanza e tamén ao turismo, baseado na orixinalidade do debuxo e tamén na síntese dunha análise da historia.

Realizaranse tamén unidades didácticas para as diferentes franxas de idade para que os nenos e nenas poidan traballar e coñecer unha das realidades que temos máis preto e da que aprender moito tamén na escola.

– Unha mensaxe para a veciñanza con motivo desta nova edición da Feira do Viño do Rosal? 

Agardo que todos os veciños e veciñas poidan desfrutar da nosa Feira acompañados das súas amizades e familia gozando conxuntamente da convivencia social con todas as actividades e sobre todo brindando polo mellor dos futuros xuntos. Longa vida ao viño e á Feira do Viño do Rosal!

Descobre máis aquí

Categorías: