Compromiso con Galicia

Queremos que a Evega siga a ser un punto de encontro co sector e unha fonte formativa para os profesionais de hoxe, pero tamén un lugar de visita e coñecemento para as xeracións que veñen tras de nós

Compartir: 

“Do grandor do teu espírito depende todo; canto máis pequeno sexa, máis terra precisará. Se o teu pensar é fondo, a túa terra, para ti, non terá cabo; nela estará o mundo con todos os seus climas. Se o teu pensar se detén na codia das cousas, non digas tampouco: Galicia é ben pequena,es ti, que endexamais poderásconcibir nada grande.” 

(Vicente Risco, Leria, 1965)

Hai tres anos e medio subín por vez primeira as escaleiras de acceso á Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega). Neste tempo un equipo de profesionais, vogando na mesma dirección, alicerzou o que hoxe é o gran centro do sector vitivinícola galego. E fíxoo apoiado na confianza de se avalado pola Consellería do Medio Rural xa que, mentres no resto do Estado unhas se desmantelaban e outras se pechaban, en Galicia apostouse por unha estación enolóxica competitiva, a segunda máis nova de España pero a máis completa nas súas atribucións.

Evega demostrou que pode transformar os anceios en realidades e as ideas en feitos, como diría Castelao. Falamos do programa de selección clonal, da recuperación de variedades de cultivo tradicional, dun laboratorio que ano tras ano acredita máis técnicas e parámetros, da actividade investigadora e de I+D+i. Ademais das colaboracións en publicacións técnicas, científicas ou divulgativas, Evega fai difusión directa de innovacións en cursos, xornadas e talleres; contribúe á formación dos futuros profesionais a través de convenios cos centros de formación profesional, desenvolve prácticas curriculares e adestra a bolseiros.

Hoxe Evega escribe outra páxina no texto da súa historia; o relato de trinta e dous anos de vida dunha entidade que, como a cepa do conto de Otero Pedrayo, resistiu a filoxera dos tempos e as crises. Unha vez que acadamos o obxectivo básico como centro público, sentímonos na obriga moral de ofrecer máis e por iso afirmamos o noso compromiso firme co futuro do rural galego.

Queremos que a Evega siga a ser un punto de encontro co sector e unha fonte formativa para os profesionais de hoxe, pero tamén un lugar de visita e coñecemento para as xeracións que veñen tras de nós. Por iso adquire, dende xa, ese compromiso substanciado nunha aposta por potenciar a calidade, o respecto medioambiental, a formación, a investigación e a conservación da biodiversidade; parámetros que nos converterán nun núcleo xerador de oportunidades para o mundo vitícola galego. 

Somos un pequeno centro en dimensións pero grande en servizos e temos un compromiso co rural; un compromiso con Galicia.

Categorías: