Durante moitos anos, as principais plantacións vitícolas da Denominación de Orixe Valdeorras se centraron nas partes máis baixas da bisbarra, nos concellos da Rúa, Larouco, O Barco, Petín ou Rubiá. Ata hai pouco, moita xente non tiña ao Bolo como un concello de referencia dentro do sector vinícola. Pois ben, se puidésemos botar a vista atrás, descubriríamos que o val que rega o río Bibei é unha das zonas de viñedo máis antigas de Galicia. Ata ben entrada a segunda metade do século XIX, antes da chegada da filoxera, os viñedos boleses eran uns dos máis importantes da comarca.
A antigüidade e a importancia do cultivo da vide neste val vese nos bancais de pedra que aínda dominan a súa paisaxe, a pesar de que se perderon centos deles polo abandono das últimas décadas. Estes socalcos están integrados na paisaxe bolesa, igual que os fermosos castiñeiros e rebolos (carballos) centenarios que imos descubrindo segundo avanzamos polos seus camiños.
Se queredes descubrir a beleza desta zona, podedes facelo percorrendo o concello a través da OU-533, que vos permitirá ir parando nos principais pobos do concello. Por esta estrada podedes entrar no Bolo, por exemplo, no Alto do Covelo (1.042 metros), no límite co municipio de Viana. A vosa primeira parada debería ser nas Ermitas.
Neste enclave, descubriredes un lugar máxico que esconde a xoia da arquitectura barroca de Galicia, o santuario da Nosa Señora das Ermitas. O templo levantouse no século XVII en homenaxe a unha imaxe da Virxe descuberta por uns pastores nunha cova. Está considerado como un dos primeiros santuarios marianos de Galicia, xunto ao de Muxía.
Dende o balcón do atrio podemos disfrutar coa paisaxe que forma o Bibei, separando os concellos de O Bolo e Manzaneda, e servindo tamén de límite entre as Denominacións de Orixe de Valdeorras e Ribeira Sacra. Nas dúas vertentes do río, podemos ver viñas prantadas en bancais, aínda que, desgraciadamente, moitas delas están a día de hoxe abandonadas. Nese punto do río habilitouse unha pequena praia fluvial, que discorre entre dous antigos muiños de auga que o concello restaurará próximamente.
Se saímos das Ermitas pola OU-533, e continuamos a nosa viaxe en dirección á Rúa,m o seguinte pobo que atoparemos será o de Santa Cruz. Nel, a unha altitude duns 750 metros, xa podemos ver un importante cambio na paisaxe que nos rodea. Nesta parroquia se recuperaron unha importante cantidade de hectáreas de viñedo, o que nos permitirá visitar plantacións que comezan pegadas á mesma estrada.
Foi en Santa Cruz onde Bodegas Beneitez, fundada por Teodoro Benéitez, embotellou o primeiro viño monovarietal de godello en 1979. Estaba elaborado só con uvas de cepas antigas dunha viña chamada A Falcoeira, por estar nunha zona coñecida por ser “terra de falcóns”.
Xa no século XXI, tamén foi en Santa Cruz o primeiro lugar onde desembarcaron dous importantes viticultores riojanos que creo que non necesitan presentación, Rafael Palacios e Telmo Rodríguez. Cando decidiron comezar a facer viños amparados pola Denominación de Orixe Valdeorras, apostaron polo concello do Bolo. Unha aposta que non puido ser máis axeitada, como demostran os numerosos recoñecementos que obtiveron os viños elaborados con uvas deste municipio.
Entre moitos outros, podemos destacar que o catador para España de Robertparker.com, Luis Gutiérrez, otorgou 97 puntos a Sorte O Soro 2014 de Bodega Rafael Palacios, e calificouno como “un dos mellores brancos na historia moderna do viño español”; ou que As Caborcas, elaborado pola Compañía de Vinos Telmo Rodríguezcunha mestura de uvas tintas e brancas da zona da Falcoeira, obtivo en 2013 o Premio Viño Revelación do Salón Guía Peñín dos Mellores Viños de España e en 2015 o Premio Magnum ao Mellor Viño Galego.
Nada máis deixar Santa Cruz atrás, podemos desviarnos dirección ao Bolo, á capital do municipio, para visitar o seu castelo. Trátase dun dos monumentos máis importantes do oriente ourensán, que foi construido por Dona Urraca no século XII, aínda que tivo que ser reconstruído catrocentos anos máis tarde tras sugrir importantes danos provocados polas revoltas irmandiñas.
No seu interior atoparemos un centro de interpretación medieval, e poderemos subir á terraza da dorre dende onde disfrutaremos dunha espectacular vista de todo o contorno que o rodea.
Continuando a nosa viaxe pola OU-533, e deixando atrás outros pobos onde se están prantando e recuperando viñedos, como Lentellais, Outardepregos ou Celavente; remataremos o noso percorrido polo concello do Bolo en Chandoiro. Actualmente, xunto con Santa Cruz, é a parroquia que ten unha maior superficie de viñedo, ademais de contar con dúas adegas adscritas á D.O. Valdeorras: Chan de Ouro e Bodega Manuel Corzo. Dúas adegas de tradición familiar que merecen a pena coñecer.
*Fotos cedidas por Rafael Palacios Muro