O líquido dos deuses en Baiona de Galicia: da terra ao mar

Caía do borreiro ao escorrecubas a última anada do viño vello mentres, na vila, os procuradores seguían insistindo ás taberneiras o pago da gravosa blanquilla, o imposto que, por facultade real, permitía ao correxemento de Baiona cobrar un tanto sobre os caldos vendidos ao por menor nas súas tabernas. Das 32.000 hectáreas de viñedo que posuía a Galicia de 1750, segundo o Catastro do Marqués de la Ensenada, un 50 % emprazábanse en Ourense, nas fértiles terras de viñedo espalladas polos Ribeiros, Sil e contorna de Monterrei (Saavedra,1992:77). A xeito de estacas, espaller, parra ou lata, o viñedo converteuse en monocultivo dalgunhas zonas ourensás onde as viñas se compaxinaban cos castiñeiros. Sen embargo, en áreas de menor produción destinada o consumo local, incluso a produción madeireira, de por si de baixa calidade, se destinou á feitura do seus entramados. En distintas parroquias da antiga Xurisdición Real de Baiona (que exceptuaba no Miñor soamente á vila de Gondomar, Vincios, Panxón e Priegue), atopamos como a leña obtida das devesas de carballos ía para emparrados, dos canavais as «cañas para sustener las viñas, huertas, enjidos con el nombre de pumares»e dos terrestales, «varas para arcos de pipas». Moitas foron as poboacións que tiñan viño pero, non obstante, faltáballes en boa parte do ano o pan. O prezado líquido dos deuses, onde non se cultivaba, era produto extraordinario para o común que mollaba con el soamente os beizos con motivo de feiras, festas e romarías. Precisamente para estas últimas celebracións, o consistorio baionés licenciaba en xaneiro de 1561 aos taberneiros «de los que son e fueren, puedan sacar y saquen media pipa de bino cada uno dellos para las llevaren a vender a las romerias que ay por el Valle de Myñor».Co apoxeo dos grandes mosteiros difundiuse o viñedo cuxos acios e follas deixou…

Compartir: 

Caía do borreiro ao escorrecubas a última anada do viño vello mentres, na vila, os procuradores seguían insistindo ás taberneiras o pago da gravosa blanquilla, o imposto que, por facultade real, permitía ao correxemento de Baiona cobrar un tanto sobre os caldos vendidos ao por menor nas súas tabernas. Das 32.000 hectáreas de viñedo que posuía a Galicia de 1750, segundo o Catastro do Marqués de la Ensenada, un 50 % emprazábanse en Ourense, nas fértiles terras de viñedo espalladas polos Ribeiros, Sil e contorna de Monterrei (Saavedra,1992:77). A xeito de estacas, espaller, parra ou lata, o viñedo converteuse en monocultivo dalgunhas zonas ourensás onde as viñas se compaxinaban cos castiñeiros. Sen embargo, en áreas de menor produción destinada o consumo local, incluso a produción madeireira, de por si de baixa calidade, se destinou á feitura do seus entramados. En distintas parroquias da antiga Xurisdición Real de Baiona (que exceptuaba no Miñor soamente á vila de Gondomar, Vincios, Panxón e Priegue), atopamos como a leña obtida das devesas de carballos ía para emparrados, dos canavais as «cañas para sustener las viñas, huertas, enjidos con el nombre de pumares»e dos terrestales, «varas para arcos de pipas». Moitas foron as poboacións que tiñan viño pero, non obstante, faltáballes en boa parte do ano o pan. O prezado líquido dos deuses, onde non se cultivaba, era produto extraordinario para o común que mollaba con el soamente os beizos con motivo de feiras, festas e romarías. Precisamente para estas últimas celebracións, o consistorio baionés licenciaba en xaneiro de 1561 aos taberneiros «de los que son e fueren, puedan sacar y saquen media pipa de bino cada uno dellos para las llevaren a vender a las romerias que ay por el Valle de Myñor».

Co apoxeo dos grandes mosteiros difundiuse o viñedo cuxos acios e follas deixou plasmado o Barroco nas súas pedras e retablos como recordo das amplas variedades de uva: caíña, pionona, mencía, cagarrucha, benedita, collón de galo, treixadura, dona branca, reboleira, merenzao, sousón, brencellau ou o coñecidísimo albariño. Os seus zumes pretendeunos embarcar no Ribeiro o coéngo Pedro Antonio Sánchez cun proxecto presentado ante Carlos III que faría navegable o Miño dende as terras aurienses á Guarda. Aquela vía compaxinaríase co transporte por terra a base de recuas de mulas e arrieiros, abarataría un coste que en ocasiones, con motivo do traslado lle incrementaba o prezo ata un 35% ao seu valor (Sobrado,2008:315).

Certamente, o viño era bebida indispensable no mundo da navegación onde, perdéndose aos poucos días da partida a auga, era o viño o líquido imprescindible para sobrevivir socorrendo a sede da mariñeiría e aportando as calorías precisas para combater as trasfegas de a bordo. Que lle digan á carabela Pinta que arribou a Baiona alá por 1493 que tería sido dos seus tripulantes sen as nove pipas que, segundo algúns autores, portaba nas súas bodegas ao cargo do despenseiro García Hernández.

En 1527, os de Ribadavia e a súa terra aportaron o viño branco preciso para a armada que Simón Alcazaba estaba a preparar con destino ao Maluco dende A Coruña. Pontevedra como saída daquel viño, monopolizaba o comercio dos caldos de Ribadavia que chegaban á Boa Vila e se embarcaban con destino aos portos do norte de Europa, cantábricos como Bilbao, portugueses, casteláns. Sen embargo, tamén algúns tratos embarcaron en Vigo, Baiona ou incluso nun pequeno embarcadoiro, ao pé do pai Miñor, no lugar da Ramallosa onde iniciaban a súa singradura os caldos da comarca miñorá, quizais de menor calidade e maior consumo popular, pero dignos de ser agasallo internacional en mans de Don Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar. Dende 1316, o mosteiro de Oia estipulara coa xustiza de Baiona os dereitos sobre os tributos do pan e viño librando as «colleres do vosso pan» e «pogias do vosso viño».

Entre as institucións relixiosas, á colexiata de Baiona, coa súa ampla área recadadora estendida ata O Condado (Xinzo, Arnoso Lira, Oliveira…) ou Baixo Miño (O Rosal, Barrantes, Estás, Tomiño, Tabagón, Salcidos…), non lle faltaban ingresos por foros en viño como o que pagaba Inés Pérez por un pardiñeiro na Porta da Vila, consistente en «tres quartillos de bino y una resta de sebollas».

En 1809 o partido do Miñor, que tiña por costume reunirse no cruceiro do Acordo de Mañufe, queixaríase ante o correxidor de Baiona porque coa «imbasion de los enemigos franceses» houbo «exhorbitante gasto de carnes y vino», gastándose na comarca «casi todo el trigo y grandísima cantidad de mayz». Ben sabían que, viño quitado, bebelo ou tiralo.

Categorías: