Os enoturistas poderán gozar das portas abertas das Rutas do Viño en maio e xuño

Visitas guiadas, 
menús especiais e novas experiencias únense na gran cita 
co turismo do viño galego

Compartir: 

Que a cultura do viño galega marida con case todo non é ningunha novidade. Boa gastronomía, incomparables paisaxes, patrimonio e historia, longas e fermosas rutas, ademais de todo tipo de deportes, suman forzas ao redor dalgunhas das elaboracións máis valoradas do mundo para crear unha modalidade de turismo activo e natural que non deixa de gañar adeptos na comunidade.

Así é. O enoturismo galego suma e segue, e para mostra un botón: as xornadas de portas abertas das Rutas dos Viños de Galicia volverán entre o 13 de maio e o 10 de xuño  para seguir a afianzar á comunidade como referente de viños de calidade e principal destino enoturístico do país. Todo isto, aproveitando ademais o impulso do Xacobeo 2021-2022. 

Deste xeito, todos os interesados poderán gozar entre este mes e o vindeiro xuño de centos de experiencias enoturísticas, con  visitas guiadas e gratuítas ás adegas participantes e menús especiais en restaurantes, sen esquecer o Bus do Viño coma gran aliado para facilitar todos os desprazamentos. 

Literatura e godello! Unha cita que este ano terá unha especial significación na Ruta do Viño de Valdeorras da man do autor, avogado e poeta Florencio Delgado Gurriarán, orixinario da comarca e ao que este 2022 se lle dedica o Día das Letras Galegas, quen escribiu non poucos versos ao viño emblema desta terra e a uva que lle da nome: a godello. 

“Valdeorras é rica en historias escritas a través das súas xentes, as súas terras, o seu clima e as súas paisaxes, que acolleron e coidaron o cultivo da vide desde hai séculos. Todos estes actores deron forma á esencia do que é hoxe en día a viticultura da nosa comarca e ao selo da nosa Denominación de Orixe Valdeorras, a segunda mais antiga de Galicia”, destacou deste xeito a vicepresidenta da entidade Montserrat Rodríguez durante a presentación das xornadas, a oportunidade perfecta para gozar da esencia galega a través da nosa cultura e paisaxe do viño. 

Unha fin de semana para cada unha das nosas D.O. 

As xornadas de portas abertas das Rutas dos Viños desenvolveranse adicando unha fin de semana a cada unha das rutas: a primeira está a ser a do Ribeiro, que ten lugar estes días; e a próxima fin de semana, pola súa banda, chegará a quenda das Rías Baixas. Ademais, as xornadas de Valdeorras celebraranse do 27 ao 29 de maio mentres que as da Ribeira Sacra serán do 3 ao 5 de xuño. Finalmente, Monterrei encargarase de pechar esta edición durante a fin de semana do 10 ao 12 de xuño.

Fotos: A Ruta do Viño Rías Baixas, mellor Ruta de Viños de España 2022. O poeta homenaxeado nas Letras Galegas este maio, un amante do godello da D.O. Valdeorras. // R.V Rías Baixas/ R.V Valdeorras

Categorías: