«Imos poñer o acento na cultura popular do viño»

A XXXIII Feira do Viño do Rosal terá lugar do 18 ao 20 de xullo na localidade

Compartir: 

O Rosal xa ten data para a súa cita máis emblemática: a XXXIII Feira do Viño celebrarase do 18 ao 20 de xullo na Praza do Calvario. Un ano máis, a festa será un escaparate privilexiado para os mellores viños desta singular subzona da Denominación de Orixe Rías Baixas, nun entorno pensado para o goce de toda a veciñanza e das persoas visitantes.
A música, a cultura e os produtos locais daranse a man como grandes protagonistas nun evento xa referente en calidade e profesionalización. Falamos con Ánxela Fernández Callís, alcaldesa de O Rosal, para coñecer todos os detalles e as principais novidades dunha das festas máis agardadas do verán no Baixo Miño.
–Comezamos cun clásico. Un brindis e un motivo para brindar cos viños do Rosal?
–Brindemos polo orgullo de vivir, ser e compartir a vida no Rosal co mellor viño!
–E se puidera escoller unha paisaxe do concello para ese brindis, cal sería?
–É moi difícil escoller só unha. Algún lugar da Ribeira do Miño entre Pías e as Eiras, ou do Río Carballas, o Niño do Corvo, a Ponte do Tamuxe, As Aceñas, As Pesqueiras, a Explanada do Horizonte. Para min un destes lugares máxicos está no monte da Madalena, desde onde podemos sentir a inmensidade da desembocadura do Miño, da natureza coas sobreiras senlleiras e da fortuna da irmandade cos nosos veciños da outra beira, Portugal.
–Xa queda menos para un dos momentos máis agardados do ano no Rosal. Que novidades presentará o programa da Feira do Viño deste ano?
–Nestes últimos anos desde o Concello consolidamos un proxecto de Feira cunha programación de calidade cada vez máis diversa e dirixida a todas as idades que marida á perfección coa calidade do noso viño da man da Asociación de Cabaqueiros do Rosal. Este ano imos poñer o acento na cultura popular do viño e ofertamos actividades específicas o sábado e o domingo para aprender as claves á hora de catar un viño e recoñecer de xeito sinxelo as súas principais características estruturais (acidez, alcohol, tanino e corpo). Contaremos con novas actividades infantís para a cativada e unha gran diversidade de estilos musicais: desde grupos de versións de pop-rock, brass bands de soul-funk-jazz, grupos de creación propia que mesturan a tradición galega, incorporando elementos da música latina, do jazz e do rock, o grupo local de Airiños do Folón, batucadas con ritmos afro-brasileiros, sesións vermú con versións de clásicos do soul e do rock e incluso grupos unidos ao blues. Todo isto sumado a unha variada oferta gastronómica.
Como novidade tamén poderemos unir o patrimonio vinícola a outras das nosas grandes xoias patrimoniais e é que celebraremos os 300 anos do noso retablo da Igrexa de Santa Mariña e coñeceremos da historia dos nosos Cabaqueiros cunha visita guiada o domingo pola mañá ao retablo e ao museo do Cabaqueiro. Outra gran novidade será o pregoeiro deste ano, Ziyang Zhang, que é asesor do sector vitivinícola da Embaixada Chinesa en España desde 2018. Contaremos por primeira vez cunha exposición de Debuxos do Rosal en tinta chinesa de Berto Franco e arquitectura en polispan, de Ramón González ó carón da tradicional Mostra a cargo do Grupo Filatélico e Numismático Val do Rosal, que este ano adica o seu selo á UD Ribera polo seu 75 aniversario.
–O escape room foi todo un éxito na pasada edición. Contaremos de novo con esta proposta?
–Queremos que a Feira do Viño do Rosal sexa un espazo de encontro de amizades e familiar no que todas as nais, pais, avoas e avós poidan gozar cos seus fillos, fillas e netos. O Escape Room resultou ser un exitazo o ano pasado porque persoas, amizades e familias de todas as idades se xuntaron para superar os retos deste xogo de entretemento en equipo. Así que este ano o venres pola tarde poderemos desfrutar dun novo escape room que se chama Segredos entre barricas.
–Ademais dos viños e da festa, que outros atractivos ofrece o ceoncello nestas datas?
–Son datas marabillosas para practicar o enoturismo nalgunha das adegas, visitar os nosos Muíños do Folón e do Picón, coñecer a senda do Río Miño, facer un anaco do Camiño de Santiago pola Costa desde a Explanada do Horizonte ou descubrir os recunchos do Río Carballas. Ademais, tamén convidamos aos visitantes a que despois de recuperarse da Feira se sumen a outra das grandes Festas do Verán no Rosal co Festival Xente Xida o 24, o concerto de The Rapants coa banda da Agrupación o 25 e o concerto do Septeto Santiaguero, con dous grammys latinos, do día 26 de xullo.

Categorías: