A D.O. Valdeorras comeza a vendima no 80 aniversario do seu nacemento

O equipo técnico valora sobre o terreo os posibles efectos dos incendios que asolaron a comarca

Compartir: 

A D.O. Valdeorras da por iniciada hoxe, xoves 21 de agosto, a campaña de vendima 2025, marcada polo 80º aniversario da posta en marcha da Denominación de Orixe Valdeorras.

Oito décadas de traballo amparando as variedades autóctonas de Galicia, as que lle dan identidade propia e unha calidade única aos brancos e tintos do territorio, entre os que destaca o godello, un viño rescatado do esquecemento nesta comarca e que alcanza o seu maior nivel de excelencia nesta denominación de orixe.

Na mesma data e coa mesma adega do ano pasado, Valdesil, comezou Valdeorras a campaña de vendima deste ano. Os traballos comezaron cedo onte pola mañá na viña As Chas Vieja, en Portela de Vilamartín.

A vendima arrincou este xoves na D.O Valdeorras

A primeira uva en recolectar foi a godello, «rigurosamente seleccionada» para elaborar un viño tostado, que require unha coidada selección de acios que teñen que permanecer colgados nunha sala habilitada da adega durante varios meses. Así o explicou Raúl Prada, cuarta xeración da familia Prada-Gayoso, propietarios de Valdesil.

Este venres continuará a vendima nesta adega, coa recolección desta mesma variedade de uva para elaborar viño godello.

Evaluación de danos

Os técnicos do Consello Regulador están «valorando a situación» despois do paso por Valdeorras do lume máis grande de Galicia.

Para un deles, Santiago Pérez, «ata a semana pasada tiñamos uns valores semellantes aos do ano pasado, cando a colleita foi excepcional e batimos récord de kilos de uva recollidos» e se calificou a calidade e a saúde da uva como «excelente», explicou.

Trala ola de incendios que asolaron a comarca de Valdeorras, provocando unha catástrofe sen precedentes no campo, o equipo técnico do Consello Regulador mantense prudente e di que «aínda é cedo», mentres se analizan os viñedos sobre o terreo para ver ata que punto vai a afectar o desastre vivido á cantidade de uvas que se poden recolectar.

Ademais, destacou o técnico do Consello Regulador, «é importante sinalar que as viñas foron as heroínas que actuaron como cortalumes naturais en moitas partes, salvando moitas das casas dos pobos nas que están prantadas». Insistiu en que «levan moitos anos convivindo con nós e protexéndonos, son o noso patrimonio».

Categorías: