A Arnoia, “etapa raíña” da vide

Unha ruta en bici para desfrutar do deporte e do viño e coñecer un dos tres vales que conforman O Ribeiro

Compartir: 

“¡Mauro, deixa de enredar!”, “¡Se deixarás o rapaz, home!”. Os bagos dos acios andaban soltos entre o chan de pedra e barro naquela primeira vendima á beira do Arnoia. Eu non tiña máis de cinco ou seis anos cando me puxen a recollelos, imitando ós meus avós, nesta mesma terra que hoxe vos convido a coñecer comigo: As ladeiras soleadas e ben ventiladas á beira do río, as viñas vistas dende os altos, con cepas centenarias e castes autóctonas, os bosques de árbores aborixes, máxicos para os cativos que, coma min, crecimos perdéndonos neles, as pequenas adegas en garaxe nas que aínda hoxe continúa a embotellarse a memoria dos que xa non están, o esforzo e as venturas dos que, grazas ao viño, puideron subsistir nas ‘vacas flacas’; ou comprarse, por exemplo, o primeiro frigorífico: “Estaban contentísimos”, ri meu pai, José Estévez Álvarez, Pepe, aínda hoxe cada vez que recorda a importante decisión tras a primeira gran colleita nas viñas dos meus avós. Tentamos manter aquela ledicia do sinxelo en cada copa.

Falo como amante do viño e do deporte cando digo que A Arnoia é o lugar perfecto para conxugar ambas paixóns e desconectar da vida na cidade e os problemas do día a día. E non só no verán. Tamén nesta época na que as cores amarelas, laranxas, roxas do outono visten as viñas para despois deixalas espías, tintas co branco das primeiras xeadas que chegan co inverno, agochadas ás veces entre a brétema. O mosaico é precioso en calquera tempada do ano. É unha zona incrible na que, ás boas condicións para o cultivo da vide e ás variedades de uva autóctonas, únese unha tradición vitivinícola que vencella a practicamente todo o concello. Unha terra na que se pode gozar de moitos deportes, dende os acuáticos, no Embalse do Río Miño, ata o senderismo ou o ciclismo. Forma, esta última, que hoxe vos propoño para coñecer a terra e a historia vitivinícola da Arnoia.

Unha ruta a escoller entre uns quince quilómetros para todos os públicos e duns trinta para os máis esixentes. O punto de inicio para todos será o plano do Balneario da Arnoia, con sitio dabondo para deixar o coche e poñer a punto as nosas bicis. Saímos paralelos ó río para chegar a unha zona de viñas, primerio, e bosque, despois. Cruzamos a estrada xeral e comezamos a subida entre os que asemellan millares de cepas e piñeiros. Chegados a este punto, temos dúas opcións a elixir: Para os máis deportistas, non hai outra, continuaremos subindo ata os numerosos sendeiros que se dirixen a Capela de San Miguel. Para todos os públicos, planearemos a subida para gozar, dende a parte alta, desas vistas á ladeira da Arnoia, dende a que se poden contemplar a maior parte das viñas do concello. A baixada farémola xuntos polo Val da Ponte, pasando pola Torre do Reloxo de San Roque e chegando ata o Área Recreativa O Inquiau, que vale moito a pena, volvemos pola marxe do río ata chegar de novo ó punto de partida.

Tras unha mañá de sol ou un comezo da tarde gozando do deporte co viño como cortiña, recomendo sin lugar a dudas aproveitar a viaxe para coñecer algunha das dez adegas que hai no concello. Para min, por suposto, é o mais recomendable do enoturismo no pobo; esas adegas de garaxe nas que gozar dunha cata acompañada duns pinchos, falar co propio colleiteiro, visitar os seus recunchos secretos, coñecer o viñedo… Cada viñateiro, coa sua forma propia de elaborar, conta unha historia distinta pero o mellor de todo é que moitas conducen sempre ó mesmo: A consecución dun produto que para eles é como un fillo, o viño do Ribeiro. Todas somos de pequeno tamaño polo que, eso sí, aconsello chamar con tempo para consultar a disponibilidade. Para nos é un placer poder amosar a nosa filosofía de traballo, cas viñas sitas no centro de todo o proceso. A nosa bodega é moi pequena, a mesma na que xa traballaban os meus avós — “¡Mauro, deixa de enredar!”— , e onde aquí seguimos, enredando, traballando como o facían eles, para dar lugar ós 8.000 litros que temos no mercado, a ledicia do sinxelo.

Ah! E que non se me esqueza, ó final do dia, todos direitiños ó balneario, para relaxarse tras unha completa xornada coñecendo un dos tres vales que fan do Ribeiro o que é hoxe, o da Arnoia, etapa raíña da vide. 

Categorías: