Considerada na actualidade como unha das festas con maior sona de Galicia, e o certame vinícola máis importante do país, a historia da Festa do Albariño comeza nos anos 50 do século pasado, cando nunha reunión de amigos, entre os que se atopaban Bernardino Quintanilla, Ernesto Zárate, Manuel Silva, José Rodiño e Francisco Fernández Aguiño, o primeiro posuidor dunha pequena viña en Tragove, retou ao terratenente Zárate, propietario dunha gran plantación en Padrenda, a comprobar cal era o mellor albariño. Acordaron convocar un concurso no que cada colleiteiro presentase o seu viño para acreditar quen tiña o mellor. Ninguén podía imaxinar
a importancia e repercusión que este feito ía ter para o desenvolvemento do municipio e para o impulso do puxante sector do viño.
APERTURA AO PÚBLICO. En pouco tampo, a festa deixou o ámbito privado e abriuse á participación do pobo. Sería a principios da década dos 60 cando se produce unha renovación do formato con desfiles de carros, catas públicas na Calzada e pregón en Fefiñáns,
ademais das verbenas, deportes e folclore en xeral.
CONSOLIDACIÓN. No ano 1977, declárase por vez primeira Festa de Interese Turístico, con motivo das súas vodas de Prata, declaración ratificada en setembro de 1990 cando se lle outorga o título de Festa de Interese Turístico Nacional, conforme ás esixencias da nova lei. Na decada dos noventa nace tamén o Himno do Albariño, composto por Xosé Lois Foxo, director da Real Banda da Deputación de Ourense. Os peñistas do Albariño enchen de colorido as rúas durante a semana grande, coas súas enxeñosas camisetas, que deixan o seu selo sarcástico con lemas sobre o viño e a festa.
A festa beneficia a Cambados dun xeito extraordinario, pois achéganse personalidades da vida pública, do mundo da cultura, artistas, intelectuais e xornalistas, que lle outorgan un gran prestixio e unha ampla difusión, que ademais se traduce en importantes melloras para a internacionalmente recoñecida como a Capital do Albariño.
Artistas de gran relevancia musical actuaron na Festa do Albariño, como Milladoiro, Raúl, Juan Perro, Ariel Rot, Gabinete Caligari, Carlos Núñez, Hevia, Sergio Dalma, King África, La Oreja de Van Gogh, Rosa, Chenoa, Bisbal, El Canto del Loco, Maná, Juanes, Diego Torres, Chayanne, Alejandro Sanz, Kate Ryan , David de María, Dover, Julio Iglesias, James, The Waterboys, ou Asian Dub Foundation pasaron por aquí nos últimos anos.
Na actualidade esta festa está considerada como o evento máis importante de España adicado ao viño, e sen dúbida a sua contribución foi fundamental á hora de que Cambados acadase o título de “Cidade Europea do Viño 2017”. Sería no ano 2018 cando a Festa do Albariño acade o maior recoñecemento posible coa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional.
CAPITAL DO ALBARIÑO. Cambados estivo ligado dende sempre a esta variedade de viño, e así queda patente nas súas rúas onde a cultura do viño é notoria. O municipio conta con 21 adegas pertencentes á denominación de orixe Rías Baixas, numerosas vinotecas, unha estatua de Baco, deus do viño na mitoloxía romana, así como un museo dedicado exclusivamente a este tema e, como non, a Festa do Albariño convertida na máis importante de España para honrar a un viño.
Cambados conta cun itinerario propio de adegas, viñedos, salas de cata e infraestrutura en xeral que, xunto co conxunto histórico,
fan deste municipio unha das zonas vitivinícolas máis importantes do país. Esta ruta de adegas de Cambados esténdese por unha superficie de máis de 20 quilómetros cadrados, dos que seis atópanse no centro urbano e pódense percorrer a pé, mentres que o resto están nos arredores, sendo aconsellable para visitalas o uso de vehículo. Nesta ruta ponse a disposición do público 21 adegas debidamente sinalizadas mediante a indicación Ruta do Viño, con servizos de atención ao público, visitas comentadas, catas e venda de produtos. Para estas visitas recoméndase solicitar cita previa.