A Denominación de Orixe de Monterrei está intimamente ligada á imaxe do impoñente Castelo, das ladeiras que contornan o val e do río Támega que o atravesa. Non é de estrañar, ao redor destes lugares sitúase a meirande parte da denominación. Pero isto non debe levarnos a erro. Monterrei, coma outras bisbarras, ten os seus segredos, certos recunchos excepcionais que paga a pena coñecer e percorrer.
Hoxe achegarémonos a un concello que raramente se asocia co viño, a pesar de ter unha longa tradición vitivinícola. Imos facer coincidir este fermoso percorrido coa vella estrada de Braganza que, partindo de Verín, atravesa todo o Concello de Vilardevós ata deixarnos en Xixirei, unha aldea portuguesa de grande encanto.
Comezamos o itinerario partindo de Verín, concretamente na Avda de Sousas -rúa dos balnearios-. Xa na saída podemos apreciar o patrimonio termal da zona, representado aquí pola fonte de Augas de Fontenova e, máis adiante, pola fonte de Sousas. Neste punto estaremos moi preto dunha das adegas máis recoñecidas da DO, que ben merece unha visita.
Seguimos pola estrada OU-310 circundados por unha paisaxe que nos fai esquecer que estamos nunha ruta enolóxica, xa que mentres subimos a ladeira vemos como desaparecen as videiras. No entanto, ao chegar ao cume entre Osoño e A Devesa, escondida entre castiñeiros, divisamos a, posiblemente, viña máis grande de Galicia; as ondulantes ladeiras cheas de espaldeiras perfectamente harmoniosas que tapizan as pequenas lombas constitúen unha paisaxe espléndida.
Seguimos o noso camiño e pasamos preto de Hospital, lugar que debe o seu nome á Ruta dos Peregrinos. Tamén pasamos os lugares de Trasigrexa, Santa María e San Roque. Aquí, se nos detemos un intre xunto á capela, podemos observar como os veciños, ao pasar cos seus coches, lle pitan ao Santo. Desde San Roque xa observamos a capitalidade e, por tras, vemos a Serra de Penas Ceibes, presente nos escritos dos Ilustres Vilarenses Eloi Luis André e Silvio Santiago.
No núcleo de Vilardevós cómpre visitar o Centro do Contrabando, onde os amigos da Asociación Portas Abertas nos facilitan unha inmersión por unha época de fronteiras e aventura como forma de vida. Para comer, o mesón O Castaño e A Muxía ofrecen cociña familiar con receitas caseiras.
Neste punto da ruta, a idea de que esta non é unha verdadeira ruta enolóxica pode asaltarnos outra vez posto que os bacelos volven desaparecen da paisaxe e na fermosa Serra de Penas Ceibes reinan os carballos e os castiñeiros, peza fundamental na riqueza económica e paisaxística de Vilardevós.
Continuamos o percorrido pola estrada que, aínda que sinuosa, é de condución agradable. Zigzagueando entre castiñeiros, chegamos ao que alí chaman”a terra de arriba”, a zona alta do Concello. Cando nos atopamos no Salto do Cabalo intuímos ribeiras fondas, e é alí onde Vilardevós garda os seus tesouros vitícolas. Entretecidas na paisaxe, aséntanse tamén aldeas con xoias como a igrexa do barroco compostelán de Berrande, os Bucranios de Tomente e fornos, petos de ánimas, vellos lagares…
A calidade dos viños destas terras de Vilardevós outorgoulle un prestixio ben gañado. As ladeiras abertas ao nacente albergan algúns dos viñedos máis antigos da comarca, convivindo con plantacións novas. Nesta importante zona de viñedo de altura atopamos moitas das castes cultivadas máis prestixiosas. De aquí mesmo saíron as uvas daquel recoñecido viño A Trabe 2004.
Entre soutos centenarios, a vella estrada de Braganza vainos levar, para rematar a ruta, a un dos enclaves máis significativos da zona, a zona recreativa da Cidadella, onde podemos abraiarnos coa poderosa presenza da fervenza, situada baixo un vello castro e rodeada de paseos que nos ofrecen as mellores perspectivas deste tesouro natural. A fervenza coroa a espléndida visita que ofrece esta ruta, unha das moitas singularidades que imos descubrir en Monterrei.