A comarca de Valdeorras, emprazada na antiga Via Nova, foi terra de paso de lexións romanas. Naqueles tempos xa se elaboraban viños na zona e, ao longo dos séculos, consolidouse neste ámbito xeográfico unha fonda e singular tradición vitivinícola grazas, particularmente, ao microclima local e á súa variedade de chans.
Os viños que se producen na actualidade en Valdeorras gozan de gran personalidade e de, cada vez máis, zona. Os brancos teñen na variedade do godello o seu buque insignia. Son viños perfectamente consolidados no mercado e neles percíbese un grande equilibrio entre grao alcólico e acidez.
Os godellos caracterízanse pola súa cor amarela palliza con matices verdosos e a súas fragancias, intensas e francas, lembran a algunhas froitas de óso e a flores brancas. Na boca, son viños que se amosan estruturados e untosos, cunha acidez natural que os fai frescos, elegantes e plenos. A graduación media dos godellos de Valdeorras sitúase aproximadamente nos 13º.
Nos últimos anos, o godello está a axustar os tempos de crianza en barrica, o que é moi positivo porque permite que a froita se exprese e confire aos viños resultantes unhas singularidades moi especiais. O feito de que o godello demostre a súa capacidade para envellecer preservado en barrica, representa, sen dúbida, unha das grandes bazas gañadoras desta variedade.
Xunto a isto, algunhas adegas do noso territorio amparado están a apostar por elaborar novas referencias de brancos de alta gama. Son viños cuxas uvas se recollen en parcelas únicas. Pero tamén son moi respectados os nosos brancos xóvenes. Gozan dun grande prestixio e, de feito, sitúanse ano tras ano entre os mellor puntuados de España pola Guía Peñín.
O prestixio dos nosos brancos contáxiase cada vez máis aos feitos con uva tinta. Hoxe por hoxe, os mencías da zona e os elaborados con outras variedades como a garnacha tintorera están presentes en numerosos mercados. Os monovarietales de mencía singularízanse pola súa particular cor vermella rubí e polos seus matices violáceos.
Tamén por posuír expresións aromáticas de intensidade media que lembran as froitas do bosque como poden ser a frambuesa ou a mora. O seu paso pola boca resulta suave e carnoso, cun final limpo e fresco.
Son tintos con moita expresión, con rasgos varietais moi marcados e bocas con moita estrutura, algo que é tendencia nos mercados internacionais. Trátase de viños moi ben definidos, que ano tras ano melloran máis.
Os viños de Valdeorras son un pequeno gran tesouro. O noso territorio amparado conta con máis dun milleiro de hectáreas e pouco máis de 40 adegas, moitas delas de índole familiar. Debido ás limitacións xeográficas a produción vinícola na comarca non é abundantísima (4,7 millóns de quilos recollidos en 2018), pero sí dunha gran calidade.
Nos últimos anos a D.O. medrou considerablemente. Á súa aposta pola recuperación de viñedos abandonados e variedades autóctonas e polo investimento en medios tecnolóxicos que favorecen a viticultura e a elaboración en adega, únense as múltiples accións de promoción promovidas desde o Consello Regulador que teñen incidido notablemente na apertura de novos mercados exteriores.
Viños distintos e inimitables
No noso territorio amparado, créanse viños únicos, distintos e inimitables. Os nosos artistas adegueiros dan renda solta á súa creatividade e aquí elabóranse produtos diferenciados, de gran calidade e marcados pola orixe. E o que é máis importante: con moita capacidade para seguir progresando. De feito, cada vez son máis os consumidores que se renden aos encantos dos nosos viños, brancos e tintos ideais para calquera celebración ou convite, que fan posible auténticos “Brindes de Sensacións”.
*Presidente del Consejo Regulador de la Denominación de Origen Valdeorras