“Amence o novo día e canda el anúnciase outra esperanza no Ribeiro. Como unha historia repetida ininterrompidamente dende hai miles de anos, a viña de Treixadura esperta do seu sono de invernía e no corpo da raíña agroman as primeiras follas que sinalarán o seu devir. Constitúe un signo inequívoco de que principia novamente esa sorte de dinamismo aristotélico anual que conducirá á principal caste ribeirá dende un estadio de potencia maxestática cara a outro de acto soberano vexetal.
Mentres camiña con dirección á súa adega o maxín do home é un incesante rebulir de ideas desesperadas que, igual que o movemento maxistral das pezas do xadrez buscan a consecución dun mate vertixinoso, procuran unha solución que dea saída a un almacén cheo de viño da colleita anterior. Con cada bar que pecha hai unha adega do Ribeiro que sufre, matina con tristura. E este baixo estado de azos condúceo cara un xogo perigoso entre a lembranza do que un día foi e a metáfora do que podería ter sido. O pasado fronte ao futuro, e entre eles dous infíltrase un presente desalentador: unha realidade abafante representada nunha familia que manter, un proxecto de vida en grave risco e un fato de ilusións deitado na beiravía do fracaso.”
Gustaríame dicir que toda semellanza coa realidade é unha coincidencia, mais neste caso dóeme ter que lle aplicar aquela outra lenda: baseado nunha historia verdadeira. Aínda máis, eu lle engadiría que esa realidade supera con moito calquera intento de ficción.
Hai un ano, un anaco de acedo ribonucleico non só puxo en situación de xaque a conformación da nosa sociedade senón tamén, ou de xeito principal, quebrantou o modo de vida que nos caracteriza. De súpeto, sen ningún augur que nos advertira, un virus aproveitou os idus de marzo para nos lembrar que, por moitos adiantos tecnolóxicos que teña acadado, o home do século XXI segue a ser case tan vulnerable coma o seu devanceiro das cavernas.
Na Denominación de Orixe Protexida Ribeiro o impacto de todas as pandemias operou dun xeito dobre. Por unha banda eivou o motor económico dunha enocomarca e, polo tanto, o sector económico que, de podermos calculalo, máis contribúe ao noso PIB. O peche da canle HORECA supuxo entoarmos unha elexía polo 45 por cen de caída nas vendas que sufrimos; só nas 10 semanas da primeira onda, o Ribeiro deixou de vender máis de 1,1 millóns de botellas valoradas en máis de 5,3 millóns de euros. En segundo termo por que nos colleu en pleno despegue cara a conquista do noso propio futuro. Hoxe ninguén nega que no Ribeiro estábase a mover algo e que eramos a zona vitivinícola con maior perspectivas de proxección.
Máis chega a quenda dos compromisos. O día despois deste pesadelo atoparémonos para festexar que estamos aquí. Mais tamén principiará a reconstrución do que se perdeu polo camiño: a plenitude humana e os seus valores definitorios, nomeadamente a liberdade, o equilibrio social e, por suposto, o tecido económico da nosa terra. Achegarase polo tanto outro gran momento para Galicia e os galegos que soamente xuntos seremos quen de encarar; cumprirá que recuperemos o espírito da nosa gran Xeración e viaxemos do Eu cara ao Nós.
Nunca fun partidario, máis ben ao contrario, das políticas alicerzadas no subsidio de «Papá Estado», non creo nunha sociedade de proletarii. Porén recoñezo que, non só hai situacións excepcionais, que precisan de medidas especiais, senón que esta é unha situación que provocou a imposición dunhas restricións das que os adegueiros non somos culpables. Por iso creo que o goberno galego debera implementar un paquete de medidas para salvar este sector ou ben recuperar o xa deseñado no mes de xuño. Chegará o momento de adoptar un compromiso de país e dinamizar os sectores produtivos galegos que, coma o vitivinícola, son os motores da nosa economía.
“Solpor no Ribeiro; convite agarimoso a unha fonda reflexión. Sentado nun banco do Náutico de Castrelo o adegueiro ribeirán, cunha copa de branco na man, lanza un brinde desafiante ao horizonte agardando adiviñar nel algunha raiola de esperanza. Mentres, o sol debuxa paseniño o seu itinerario diario de retirada cara ás súas habitacións, alá pola Pena Corneira.”