Detrás dunha adega

«Cando alguén decide crear unha adega, probablemente houbo unha historia por tras de infancias en bacelos, de ver a pais e avós elaborando viños ano tras ano, de cheiros que invadían os lugares, de observación e lembranzas entre videiras… «

Compartir: 

A presenza dos viños galegos nas nosas mesas, ou incluso en mesas ás que xamais pensariamos que chegaría, é cada día máis común. O noso viño é un embaixador que nos está a levar polo mundo. A pesar disto, poucas veces, ao abrirmos unha botella, nos detemos a pensar en todo o que hai detrás, como se fai, onde se fai ou canto esforzo se puxo nesa botella que sostemos. 

¿Canto custa poñer en marcha unha adega? Para entender ese complexo proceso, non hai mellor estratexia que poñerse na pel dunha desas persoas que decide meterse nunha aventura esixente e, moitas veces, profundamente vocacional. Nun territorio como o noso, non é unha idea estraña preguntarse de onde sae calquera dos viños que esa terra nos ofrece…

Cando alguén decide crear unha adega, probablemente houbo unha historia por tras de infancias en bacelos, de ver a pais e avós elaborando viños ano tras ano, de cheiros que invadían os lugares, de observación e lembranzas entre videiras… A pesar de que unha adega, en síntese, non deixa de ser a instalación que soporta un negocio e, como tal, busca o beneficio, nela sempre encontramos arraigamentos, apegos á terra e referencias familiares. De aí xorde sempre a motivación, peneirada durante anos, enriquecida con coñecementos, propósitos e aforros. Mais, cando alguén inicia este camiño, pronto se dá de conta de que isto non é abondo.

Quen emprende debe saber que se vai expoñer a probas ben duras. Cada paso será sometido a exames burocráticos que quizais poñan ao límite a súa paciencia. Como industria de espazos rurais por vocación e por necesidade e que elabora produtos alimentarios, terá que interactuar con case todos os entes que a nosa sociedade foi capaz de crear.

Dentro desta lea burocrática, a persoa que emprende precisará facer trámites urbanísticos, como mínimo, no Concello, mais tamén, probablemente, nos servizos urbanísticos autonómicos, competentes en solos rústicos. Segundo as regulacións que atinxen estes servizos, será posible que por luces, retranqueos ou ocupación resulte imprescindible comprarlle a horta ao veciño, agrupar fincas ou outras solucións. Pola actividade, os departamentos de Medio Ambiente teñen un papel significativo e o proxectodeberá ser sometido á avaliación ambiental co fin de evitar afeccións negativas sobre o contorno.

Por outra parte, debido á inxente riqueza patrimonial galega e á abundancia de espazos naturais protexidos, tamén haberá que ter en conta as afeccións patrimoniais, a tipoloxía, os materiais, a arquitectura e o estilo. A eventualidade de atopar vestixios arqueolóxicos non é unha posibilidade remota e, de ser así, habería que contar tamén cun arqueólogo.

Para que a adega funcione precisa enerxía, en xeral, eléctrica. No entanto, ás veces, as normas relacionadas coa localización regulan incluso os máximos de potencia eléctrica que se pode instalar; a miúdo son normas antigas,  descoñecedoras da realidade elaboradora actual. A isto hai que engadirlle que as propias industrias subministradoras establecen límites de subministro con potencias moi por baixo da necesidade da adega e, por esta razón, o adegueiro talvez se vexa obrigado a reforzar a liña desde o centro de transformación, se non ten que cambialo. 

Todos os equipos teñen altas esixencias sanitarias. Por iso, o emprendedor terá que enfrontarse a altos prezos dos equipos: moegas, elevadores, mesas de selección, despalilladoras, bombas, prensas, depósitos, salas frías, equipos de frío, embotelladoras, etc. 

Cando todo estea disposto, aínda lle quedará rexistrar as súas instalacións a través dunha infinidade de procedementos: incendios, aparatos a presión, instalacións de frío, instalacións eléctricas, rexistro industrial… Despois, seguirá o proceso co rexistro de embotellador, impostos especiais ou aduanas. Ademais, será preciso xustificar a trazabilidade, contar con manuais APPCC e con plans de desratización e desinsectación. 

En canto á etiquetaxe, tamén requirirá do seu tempo e empeño.O noso emprendedor terá que tratar con Patentes e Marcas, seguir as normas de etiquetaxe de alimentos, as normas dos consellos reguladores e, se quere exportar a países terceiros, axustarse á regulación específica. Finalmente, cómprelle conseguir o rexistro sanitario…

Todo este proceso pon a proba a capacidade e a vontade de quen crea unha adega pois require tempo, esforzo e profesionalidade, ademais de asumir o encarecemento que implica a resolución de dificultades non previstas mais habituais. Non obstante, aínda queda o proxecto de verdade: cultivar as uvas, recollelas, elaborar o viño e encontrar os consumidores cuxa esixencia coincida con todo o que a terra ofrece a través deste proxecto. 

Así que, igual que o viño é un produto de integrador que cunha “fermentación” agrupa todo para concretalo nunha botella, fagamos o mesmo cos procedementos administrativos, de forma que esa amálgama de procesos e ese espallamento de competencias poidan ser interpretados a través dunha norma sectorial específica, entendida por un ente especializado. Porque facilitar interrelacionando non ten por que carrexar perda de resultados.

Categorías: