«Os brancos son os máis coñecidos, coa variedade albariño como protagonista nas Rías Baixas; no Ribeiro mestúranse variedades, con predominio da treixadura; mentres que no interior de Galicia (Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei) predomina a godello. Outras castes arraigadas desde antigo, sobre todo nos viños plurivarietais, son a torrontés, a caíño branco, a loureira, a dona branca, a lado. Nas demarcacións cualificadas como Viños da Terra destaca, pola súa banda, a branca lexítima».
«Nos tintos, a mencía é a raíña na Ribeira Sacra e Valdeorras, e a máis cultivada en zonas onde predominan os brancos como Monterrei ou O Ribeiro. Xunto a esta, úsanse outras prefiloxéricas como sousón, caíño (longo, bravo e tinto)» e, coa «brancellao e a merenzao», xa temos máis das doce que precisamos para que neste ano que vén se lle cumpran os desexos a un sector, o máis internacionalizado do agroalimentario galego, que segue a bater marcas tanto na viña como no mercado.
E, se quixésemos, aínda poderíamos engadir algunha que outra caste entre as que se recolle o Museo do Viño de Galicia. É o caso dalgunhas «ancestrais minoritarias que se están a recuperar nas súas zonas de orixe como espadeiro, castañal e pedral nas Rías Baixas, ferrón no Ribeiro ou mouratón na Ribeira Sacra».
E así, con estas uvas, coas nosas, cos nomes e cualidades das variedades autóctonas que constitúen unha das maiores riquezas do patrimonio vitivinícola galego, celebramos o vivido neste ano e confiamos en todo o que está por vir.
UNA ANO DE GRAN OURO. Moito hai polo que brindar nun final de 2024 no que os viños galegos volveron encandear aos xurados dos certames máis prestixiosos do mundo: no Mondial des Vins Extremes, en Italia; no Decanter WWA e no International Wine Challenge, en Reino Unido; no Challenge International du Vin, en Francia; no Concurso Mundial de Bruselas, en Bélxica… Por non falar do acontecido dentro das nosas fronteiras: Hai só uns días coñecemos que, de novo, foi un galego o elixido como Mellor Branco de toda España nos premios Alimentos de España organizados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. E mellores sensacións aínda deixaron os Premios Bacchus e Baco, especialmente estes últimos. A nosa comunidade arrasou literalmente na gran cita cos viños xoves do noso país ao bautizar co seu nome máis da metade das 22 grandes medallas de ouro repartidas polo concurso, que se di pronto. En feiras e salóns internacionais do talle de Prowein ou Vinexpo, con eventos promocionais propios, desde visitas organizadas e misións inversas a mastercalss, roadshows ou showookings. Orgullosos de quen son e de onde veñen, os viños galegos seguiron ampliando o seu horizonte, como mostra o exemplo paradigmático da Denominación Rías Baixas, con 19 viaxes, 127.300 quilómetros e un millón de euros as súas costas en promoción internacional.
A NOVA COLLEITA. Un gran balance que agardamos que se repita na colleita 2024 que comeza a chegar agora aos mercados tras unha vendima ordenada, tranquila e, en termos xerais, caracterizada pola calidade e o bo estado fitosanitario da uva, con novas marcas tamén en cantidade en varias das nosas D.O: Se Rias Baixas, con máis de 42 millóns de quilogramos de uva introducidos en bodega, firmou a súa terceira mellor marca desde que existen rexistros; Valdeorras, con oito millóns 200.000 quilos celebrou tamén unha nova colleita histórica; e o mesmo en Monterrei, que alcanzou o seu máximo con máis de sete millóns e medio de quilos colleitados. Cos viños novos monovarietais que comezan a chegar agora aos mercados, pero tamén con crianzas, coupages, espumosos e, por suposto, tostados e augardentes de Galicia, brindamos para que nos acompañedes un ano máis nestas páxinas e compartimos o mellor segredo para que este 2025 se nos cumpran todos os desexos aos galegos: estas festas, apostade polo noso, apostade polo propio!