Ducias de actividades pensadas para todos os públicos

A programación oficial inclúe varias propostas dirixidas ao público infantil

Compartir: 

Atrás quedan dous anos moi duros nos que, tanto maiores como pequenos, viron cómo se suspenderon a meirande parte dos actos sociais, lúdicos e culturais nos diferentes concellos de todo o país. A Festa do Albariño, unha das máis multitudinarias da nosa comunidade, foi un deses eventos afectados. A volta á normalidade deste verán está a traer consifo a recuperación de todas estas celebracións, e Cambados non ía ser menos. A xente ten gañas de recuperar o tempo perdido durante estos dous anos de pandemia, e tanto maiores coma nenos e nenas non queren deixar escapar a oportunidade de divertirse, e menos cando a oferta lúdica é tan variada como a proposta polo concello cambadés.

É por isto que o goberno local non quixo esquecerse da cativada para estas festas, e por eso ten programadas varias actividades destinadas ao público infantil en distintas ubicacións do casco urbán. Así, hoxe haberá xogos tradicionais na Praza do Concello, entre as 10:00 e as 13:00 horas e malabares con Fran Boza no Parque de Torrado a partir das 19:30 horas. Na xornada de mañá o Parque de Torrado acollerá un Concerto de música de SuperMeiga.

Xa o domingo, na Praza de Fefiñáns ás 21.00 horas, espectáculo musical e circense Legado de Tibu. O mes de agosto comezará en Cambados cun concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona no Parque de Torrado, ás 20.30 horas. O día 2, diante da escalinata de San Tomé, haberá un espectáculo de trapecio aéreo con Al Grano. O mércores 3 de agosto, de 10 a 13.00 horas, voltarán os xogos tradicionais para nenos e adultos na Praza do Concello, mentres que pola tardiña será a quenda de Píscore e o seu espectáculo infantil de música, clown e teatro. O xoves día 4 haberá maxia con Adrián Conde, e o venres pecharase a programación infantil con Patty Difusa, diante da escalinata de San Tomé. O domingo pola noite, ás 00:00 horas, recuperase tamén o espectáculo pirotécnico que poñerá o broche de ouro á LXX Festa do Albariño de Cambados.

O TUNEL DO VIÑO INAUGURASE O XOVES 4 DE AGOSTO. O Túnel do Viño, no Salón de Exposicións José Peña, é unha das actividades destacadas da Festa do Albariño de Cambados. Organizado polo Consello Regulador da D.O. Rías Baixas e orientada tanto a profesionais como a afecionados, será inaugurado o vindeiro 4 de agosto ás 13:00 horas, e contará coa presenza de diversidas autoridades. Permanecerá aberto ao público ata o sábado 6 de agosto, en horarios de 11 a 15 e de 17:30 a 21:30 horas, agás o sábado, que non abrirá pola tarde.

Categorías: