Adegas Terra de Asorei busca ofrecer unha experiencia do rural do Val do Salnés, da Galicia do século XXI coa súa proposta de enoturismo. Poñen en valor a viticultura feita a man, humana e social, propia das xentes do Val do Salnés.
Conta con diferentes espazos: Adega de colleita, Adega de elaboración, Adega botelleiro, a tenda da adega e a sala de cata Asorei, nun entorno aberto, a partir da Eira de Asorei. Trátase dunha idea de urbanismo adegueiro desenvolta seguindo a pegada histórica da arquitectura popular das casas labregas galegas nas Rías Baixas, que tiñan na eira o seu lugar de traballo e lecer, e no rueiro ou praza, o seu lugar de encontro.
É unha proposta desenvolvida a partir do diálogo entre o presidente-fundador de Terra de Asorei, Xosé Ramón Durán-Roque, e as arquitectas Teresa Sánchez Táboas e Paula Alfonso Laya, á que se sumou o concepto do logotipo creado polo deseñador Pepe Barro, a partir das seis As, que simbolizan a unión das seis adegas que deron orixe a esta empresa adegueira de capital familiar: Adegas Terra de Asorei.
Ó entrar na adega, vese a Eira de Asorei, que ten como centro a Adega Botelleiro, unha construción levantada integramente en madeira galega, dende as súas paredes ata o teito. Esta adega de madeira permite gardar a unha temperatura axeitada, dun xeito natural, as elaboracións especiais de Terra de Asorei: albariños cun ano sobre lías, criados en bocois de carballo, espumosos e o espadeiro; viños que atopan nesta edificación un reposo de anos antes da súa posta á venda.
No interior da Adega Botelleiro hai unha mesa propia de culto para catas de colleitas históricas e, sobre todo, un espazo de taberna, con barras onde se serven as botellas de albariño, para que cada visitante poida buscar o seu lugar na Eira de Asorei para catar: á sombra baixo as parras, no rueiro, nos carballos, nos xardíns de rosas e camelias ou nas terrazas do solpor.
Adegas Terra de Asorei foi redeseñada para integrarse coa micropaisaxe, propia dun mar de viñedos característico da parroquia de San Martiño de Meis, no Val do Salnés. Ademais, a forma de simbolizar esta proposta de enoturismo saudable e de calidade é ofrecer un roteiro de sendeiros arredor da adega e a Eira de Asorei, que se conecta cos camiños tradicionais da subida ao monte da Armenteira ou a Ruta da Pedra e da Auga.
Na tenda e na sala de cata pódense mercar e degustar as tres liñas de viño da adega: Terra de Asorei, Nai e Señora e 1953 Pazo Torrado. É unha oportunidade para descubrir e gozar de albariños do ano, elaboracións especiais, escumosos e espadeiro. Todos eles elaborados coa afouteza e a arte de mesturar a modernidade enolóxica coa tradición vitivinícola propia do Val do Salnés e coas características do terroir europeo.
A Adega da Colleita é un espazo aberto, con luz natural grazas ao seu peche enreixado, deseñado a partir do logotipo das seis As. Neste lugar desenvólvese o control da uva e o prensado, o que durante a vendima permite traballar con maior seguridade e benestar. A uva chega enteira nos seus acios en caixas de menos de 18 quilos, tras o que comeza o proceso de elaboración, sempre respectando a identidade da uva albariña.
A Adega de Elaboración está encaixada nun pequeno outeiro, o que lle permite manter unha temperatura moi fresca de forma natural no interior da sala de cubas durante todo o ano. No exterior, para mellorar o illamento térmico, tanto na entrada —onde se atopa a tenda— como nas paredes da sala de cubas, trepa unha enredadeira de «viña virxe», que cambia a cor da fachada da adega segundo a estación. Con este xesto preténdese render homenaxe ás parras dos antigos patios das casas de labranza do Val do Salnés, que se utilizaban para dar sombra e refrescar o ambiente no verán.
Adegas Terra de Asorei procura emocionar co carácter dos seus albariños. Desexa que quen visite a adega coñeza a historia das persoas, a terra dos viñedos, o seu microclima, a paisaxe atlántica e a cultura galega que se transmite en cada botella. E aspira a que cada visitante leve no corazón unha parte do Val do Salnés e, para sempre, de Galicia.
Enoturismo no corazón do Val do Salnés
Unha experiencia sostible que conxuga tradición, deseño e excelencia vitivinícola entre viñedos atlánticos, arquitectura rural e albariños de carácter propio
Categorías: