Este Nadal… brindemos pola orixe e a terra

Un ano máis, os presidentes das cinco Denominacións de Orixe galegas danse cita en Galicia en Viños para compartir os seus mellores desexos e invitarnos a brindar coas nosas etiquetas

Compartir: 

Un viño de Rías Baixas, a mellor escusa para reencontrarse

presidentedoriasbaixas X3d1

Isidoro Serantes » Presidente  da D.O. Rías Baixas

Vivimos momentos convulsos, onde palabras como guerra, crispación, maltrato, pobreza ou crise forman parte do noso día a día. E que mellor desexo para este Nadal que desterralas e substituílas por outras como amizade, harmonía, amor e ánimo. 

Por todo iso, quero propoñer compartir un viño da Denominación de Orixe Rías Baixas coas nosas amizades. Nada mellor que unha botella elaborada con mimo e respecto por calquera das nosas adegas e viticultores para celebras estas festas de Nadal. Que mellor escusa que un viño de Rías Baicas para reencontrarse. 

Non quero despedirme sen animarvos a todos e a todas a brindar cun Escumoso Rías Baixas por un 2024: para celebrar, para compartir, para experimentar, para recordar os bos momentos vividos e os que colleitaremos o vindeiro ano. 

Saúde e felices festas! 

Desde O Ribeiro: saúde e terra, por un viño que é moito máis que viño

juan manuel casares gandara RocR

Juan Manuel Casares »  Presidente da D.O. Ribeiro

O tempo do Nadal é, entre outras cousas, a constatación de atoparmos no inverno, ese momento circadiano que aproveitamos para analizalo ano que se vai e propoñernos obxectivos para o que entra. De xeito particular, devezo por consolidalo Ribeiro como un dos grandes referentes vitivinícolas en España; non só a respecto da calidade das nosas elaboracións, senón tamén coma un territorio enoturístico desestacionalizado e de calidade que combina o viño, a historia, e o termalismo, nunha mestura resumida nese mantra que adoito repetir de que O Ribeiro é moito máis ca viño.

E na miña condición de galego militante, desde esta terra máxica onde todo é posíbel, podería desexarlle ós meus veciños 2.024 cousas; porén, decántome por elixir unha moi simple: que sexamos quen de vivir outro ano de paixón polo que somos e traballemos por aquilo que aínda podemos ser. Deséxolle a todos un feliz Nadal e un venturoso 2024. Saúde e terra.

Bo Nadal cos viños de Valdeorras: ‘O godello tamén e teu’!

jose ramon 7FaH

José Ramón Rodríguez »  Presidente da D.O. Valdeorras

Un dos valores diferenciais do noso territorio amparado e do que queremos sacar peito, cunha intensa campaña promocional que estamos a desenvolver nestas semanas, é que somos o berce do godello. Nestas festas de Nadal e Aninovo, quero animar a todos a brindar cos nosos godellos porque como di parte do lema da nosa campaña “O godello tamén e teu”, pero tamén recordar con outras tipoloxías dos nosos viños como son os tintos, particularmente os mencías, que están gañando novos adeptos; ou as etiquetas elaboradas con variedades minoritarias.

Valdeorras é diversa en canto á tipoloxía de uvas plantadas e colleitadas e especial polo seu clima, tipos de solo e saber facer do noso sector, o que confire a todos os nosos viños unhas particularidades moi singulares. Por tras de cada botella de viño etiquetada baixo o selo de calidade da nosa D.O. hai agarimo e esforzo diario, hai un traballo colectivo digno de admiración. Por iso, nestas festas non o dubidedes e brindade con Valdeorras!

Cultura, paisaxe e legado. Con vós!

1. presidente do ribeira sacra SXBz

Antonio Lombardía » Presidente da D.O. Ribeira Sacra

Brindo por todos os que fan posible que o nome da Ribeira Sacra siga crecendo, recoñecido en certames tan importantes como o concurso internacional Mondial des Vins Extremes ou a Cata Oficial dos Viños de Galicia, ademais de pechar un ano fantástico en Enoturismo, cunha das nosas adegas premiada como Mellor Proxecto Enoturístico de toda España. Se temos un reto por diante este 2024 é seguir facendo as cousas ben, apostando por viños e proxectos de calidade que xeren riqueza e fixen poboación para que haxa relevo entre os nosos viticultores. Son eles, sobre todo eles, quen traballa esta terra cada día, os grandes protagonistas do meu brinde: polo gran traballo que fan, porque deles nace a D.O e é a súa labor o seu piar fundamental. 

Somos unha DO orgullosa do que fai, cunha viticultura única no mundo, e queremos preservalo. Por iso, a cada persoa que este Nadal escolla un viño da Ribeira Sacra para celebrar rodeado dos seus, só podemos dicirlle:‘grazas’. Non só estará bebendo viño de calidade, senón tamén gozando en cada copa dunha cultura milenaria, unha paisaxe candidata a Patrimonio da Humanidade e un legado, o noso, que é o mais importante que temos.  Grazas por gozalo con nós e axudarnos a conservalo. Bo Nadal a todos!

É tempo de celebrar. É tempo de Monterrei

jonatas gago garcia (1) r0mm

Jonatás Gago »  Presidente da D.O. Monterrei

Chega o Nadal, tempo de reunións en familia e con amigos. Tempo para compartir bos momentos coa xente querida. Tempo para festexar, felicitar e brindar. 

E por riba de todo é tempo de agradecer aos que facedes posible que a D.O Monterrei siga crecendo da mellor maneira posible; co bo traballo, tesón e ilusión, facendo as cousas como mellor sabedes, sempre con cariño e paixón ata acadar a excelencia na calidade dos nosos viños. Esta é a nosa tarxeta de presentación e a nosa pedra angular. Os viños de Monterrei xa están presentes en moitas partes do mundo e aínda temos moito que mostrar e demostrar, moito por medrar con senso e con rigor. 

É tempo de seguir mirando cara adiante e avanzar con paso firme e decidido. Cunha copa de Monterrei quero brindar con todos vós por unhas felices festas e un ano 2024 cheo de soños cumpridos e prosperidade para as nosas xentes e para a nosa comarca. Lembrade… é tempo de Nadal, é tempo de Monterrei!