O Miño entre a néboa

De ruta con: Kris Pereira’s*

Compartir: 

Hoxe convido a todos os galegos e galegas a afondar no que temos ao noso redor, a coñecer os tesouros que están ao carón da casa, a levantarse cedo para desfrutar das mañas de néboa da ribeira do río Miño; tan frías como misteriosas e especiais. Hoxe, unha montañesa que sempre quixo ser ribeirá, namorada da cultura do viño e de todo o que se fai nesta terra, unha das zonas máis descoñecidas da Ribeira Sacra, invítavos a apearvos do coche para andar por camiños estreitos e saborear a paisaxe, e o viño, sen présas.

No Ecomuseo de Arxeriz, imos empaparnos da esencia da Ribeira Sacra, coñecer os seus costumes e o selo da viticultura heroica en todas elas, os lugares asolagados polos encoros, o románico, un castro que mira ao Cabo do Mundo… Camiñaremos por distintas rutas arredor do Miño: ‘Ruta dos Viñedos de Belesar’ e a súa continuación pola de ‘Terra Branca’, ‘Ruta da Ribeira Sacra do Miño’, tramos do Camiño de Inverno por onde discorren os ‘Codos de Belesar’…

Comeremos en Belesar, na praia da Cova ou en Chantada; visitaremos o románico da zona; faremos parada neses miradoiros do Miño dos que menos se fala como Ponte Mourulle en Taboada; pisaremos o Castro de Marce, a fervenza de Augacaída dende terra ou, aínda mellor: polo río con Quinta Sacra; e probaremos o viño das adegas da zona como Vía Romana Adegas e Viñedos, Adegas Amedo, Antonio do Nicho, Adegas e Viñedos Lareu, Os Cipreses ou Abadía da Cova. Alí compartiremos historias cos adegueiros e as xentes do lugar.

A xente. A xente é o mellor patrimonio que temos. A forma de vivir, de loitar pola terra que teñen os nosos maiores é moi especial. Pararse e ver como eles, con 60, 70 ou máis anos continúan nas ribeiras e tamén nos campos; escoitar as súas historias sobre como se facían antes os traballos, como se vivía aquí… O certo é que é das cousas máis especiais que acontecen a carón do Miño.

Durmiremos preto do río ou no medio do bosque. Casas rurais para alugar enteiras, por habitacións, pazos e tamén hoteis no medio das vilas. Para comer atopamos as mesmas opcións: a carón do Miño en diferentes puntos, nas propias poboacións e tamén nas aldeas do redor. Podo citar varios exemplos para durmir e comer: Casa do Romualdo, Pazo do Piñeiro, Pazo As Casas, Casa das Xacias, Casa das Landras, Hotel Mogay, Rectoral de Castillón, Fazenda Prádio, Casa dos Muros, Hotel Rural Casa das Bouzas, Os Pendellos, A Faragulla, Pazo de Sabadelle… É recomendable preguntar nas oficinas de turismo tanto locais coma de Ribeira Sacra Consorcio de Turismo e Ruta do Viño da Ribeira Sacra.

Sempre é un bo momento para vir á Ribeira Sacra do Miño. Cada época é especial, con distintas cores e tipos de traballo. O verán e o outono son estacións máis turísticas pero o inverno é máis tranquilo e pódese desfrutar da poda, a néboa e incluso a neve, como a que tivemos o ano pasado. Na primavera comeza o ciclo da vide de novo e están as viñas verdes, con moita vida… Aínda non somos moi conscientes da gran marabilla que temos, do privilexiados de poder levantarnos tódolos días neste paraíso. Que me din? Listos para viaxar alí onde o tempo se para?

*Xestora de redes sociais, chantadina e coñecedora e amante da Ribeira Sacra

Categorías: