O Rosal xa quenta motores para celebrar unha das citas máis representativas do verán no Baixo Miño. Do 17 ao 19 de xullo, a Praza do Calvario acollerá a XXXIV Feira do Viño do Rosal, unha edición que reforza a súa identidade como escaparate dos viños da subzona do Rosal da Denominación de Orixe Rías Baixas.
Unha programación do mais completa
A principal novidade deste ano será o Túnel do Viño, unha experiencia inmersiva no Museo do Cabaqueiro que permitirá descubrir a riqueza e personalidade dos viños do Rosal da man dun sumiller, combinando a degustación coa descuberta dun dos oficios tradicionais máis ligados á identidade do municipio. Esta aposta por achegar o coñecemento do viño ao público completarase coa participación do pregoeiro desta edición, Antonio Candelas, bioquímico e enólogo de formación, xornalista e divulgador especializado na cultura vitivinícola.
Outro dos grandes atractivos será Girafes, o espectacular pasarrúas da compañía catalá Xirriquiteula Teatre, no que elegantes xirafas percorrerán as rúas do Calvario interactuando co público, co mobiliario urbano e coa propia contorna. A programación para todas as idades completarase cos espectáculos Clownamorado, de Rudi Dudi, e O conto de Barrigaverde, de Fran Rei, ademais do tradicional obradoiro de cociña impartido por Isaac Míguez e dunha nova actividade de reciclaxe e sostibilidade desenvolvida por Biophilia Axencia Ambiental, que convidará a dar unha segunda vida a materiais relacionados co mundo do viño.
A esta proposta sumarase unha programación cultural con citas como a XXXI Mostra Filatélica do Grupo Filatélico e Numismático Val do Rosal e a presentación do seu selo conmemorativo, a exposición Hábitats e horizontes: unha viaxe abstracta, da artista Esther Moe, e a mostra fotográfica Manxares, de Xulio Gil, integrada no proxecto Nortear 2026. Ademais, a feira acollerá a entrega dos premios do II Concurso de Relato Curto do Concello do Rosal.
O patrimonio rosaleiro tamén estará presente durante toda a fin de semana coa visita interpretativa Os segredos de Mariña, un percorrido guiado polo Calvario e a súa contorna que se celebrará o domingo e permitirá descubrir o patrimonio local desde unha perspectiva ligada ao territorio.
Música, gastronomía e compromiso
A música volverá ocupar un lugar destacado na programación cun cartel variado e vencellado ao talento da contorna. As noites da feira estarán protagonizadas por The Tetas’ Van, El Cuarto de Tula e The Pretty Shirts, mentres que as sesións vermú contarán con Groovin Folks e o dúo Awen. A programación completarase co pasarrúas do Grupo de Gaitas Airiños do Folón, que levará a música tradicional galega ás rúas do Calvario.
Xunto á música, a gastronomía será outro dos grandes atractivos da feira, cunha ampla presenza de establecementos, foodtrucks e postos con propostas tradicionais e innovadoras para acompañar os viños das adegas participantes.
A Feira do Viño do Rosal manterá tamén o seu compromiso coa sostibilidade e coa seguridade con medidas como o uso de vasos reutilizables, a recollida selectiva de residuos, accións de sensibilización ambiental e puntos de auga potable de libre acceso. Ademais, repetirase o reforzo do servizo de autobuses para facilitar os desprazamentos entre o Rosal e diferentes puntos da comarca e favorecer unha mobilidade máis segura e sostible.

