O tesouro dos devanceiros

As autóctonas son de grande utilidade para o presente e para o futuro

Compartir: 

As datas de iniciación da viticultura na Galiza son incertas. A opinión máis xeralizada é que comezou tras a chegada dos romanos.

O achádego de lagares rupestres en castros, como o de Astariz (Castrelo de Miño). O coñecemento das expedicións de guerreiros galaicos incorporados ao exército cartaxinés. Os contactos con comerciantes fenicios, gregos, ou con outros pobos ibéricos situados ao Sur do territorio da antiga Gallaecia. Estes feitos inducen á hipótese de que o contacto co viño foi bastante anterior á romanización. A existencia dunha viticultura prerromana, máis ou menos desenvolvida, continúa a ser un enigma.

Hai teorías de que nas autóctonas actuáis participan os cruzamentos espontáneos entre as vitis vinífera sylvestris galegas e as castes que trouxeron os romanos. A vitis sylvestris é a forma precursora da cultivada. Tal como unha liana trepaba polas árbores dos bosques europeos buscando a luz. A idade media foi testemuña da chegada de monxes procedentes de Centroeuropa que desde os mosteiros promoveron o cultivo en amplas zonas do noso territorio, incluíndo a viticultura.

Os avances dos coñecementos en xenética, e concretamente na identificación das castes polo seu ADN, resultaron ser unha ferramenta valiosísima, non só a efectos de diferenciación, senón tamén para establecer as liñas de parentela entre elas. Froito destes estudos, sábese que a maioría das castes da Gallaecia subdivídense en dous grupos, ambos emparentados con castes francesas. Tal vez pola descendencia dunhas videiras sylvestris comúns na Europa Atlántica, ou pola introducción por parte dos monxes de castes francesas, que co paso do tempo se foron cruzando coas autóctonas que había aquí naquela altura. Quizás a influencia do camiño de Santiago. Todo un reto para os investigadores.

Sexa como for, no noroeste ibérico, nos territorios que máis ou menos se corresponden coa Gallaecia histórica, a día de hoxe temos a sorte de que varias ducias de variedades autóctonas se salvaron da extinción. É significativo o número de castes que coinciden coas do número de Portugal. Sumando as castes destes territorios históricos, rebasan ampliamente o medio cento.

As conservadas na Galiza actual andan perto desta cifra. Obviamente non se pode dar un número, pero estimo que aínda faltan bastantes castes por identificar. Outra cousa é que se acuda en tempo, antes de que desaparezan.

Coa chegada das pestes americanas no XIX, as variedades autóctonas sufriron un impacto tal que parece incrible que chegasen tantas aos nosos días. Son un tesouro legado polos nosos devanceiros. Ao longo dos séculos, foron seleccionando as que mellor se ían adaptando a cada zona. Únicas e tamén diversas, nos inicios da recuperación eran lembradas, vagamente, por parte dos viticultores máis vellos. Só algunhas, que as máis delas nin sequer ficaran na memoria.

As autóctonas son de grande utilidade para o presente e para o futuro. No relativo ao presente: á vista está o nivel a que encumiaron os nosos viños. De cara ao futuro e ante a incerteza de canto se vai acelerar e cara onde vai derivar o cambio climático, a sobrevivencia de tantas castes contribuirá sen dúbida á mellor adaptación a uns tempos que se presumen difíciles.Todo un desafío que sería moito máis complicado de superar se este inmenso patrimonio tivese desaparecido.

*Experto en viticultura

Categorías: