O río Mandeo, e o seu afluente o Mendo, labraron durante miles de anos os vales que rodean á cidade de Betanzos, e é precisamente nas ladeiras expostas ao sur de estes ríos onde se atopa o mellor terruño para as castes autóctonas de esta zona, terras que noutro tempo foron exclusivas de viñedo e que na actualidade aparecen mesturadas con vivendas, masas forestais ou matogueiras abandonadas, onde as parcelas ocupadas con vides son a excepción.
No Miradoiro da Espenuca comezamos o noso percorrido pola xeografía do viño betanceiro, nas inmediacións dunha fermosa ermida románica do século XII alzase o miradoiro, coma unha atalaia natural sobre as mariñas coruñesas desde onde se pode divisar o discorrer do río Mandeo e o seu paso polo espazo natural do “Coto de Chelo”.
Desde a Espenuca e sen saír do concello de Coirós, chegamos á parroquia de Caresma, onde se atopa unha das cepas mais vellas que se coñecen da variedade Branco Lexítimo. Este exemplar, con unha idade estimada de entre 300 e 400 anos e que forma parte do emparrado dunha casa, foi utilizado como planta nai para a obtención de unha grande parte do material vexetal que se utilizou na recuperación de esta caste autóctona.
Seguindo o percorrido do río Mendo pola N-651 en sentido Betanzos somos testemuñas de como o abandono foi ocupando nos últimos anos esta ladeira sur sobre o río, pero que aínda podemos atopar salpicada de pequenas viñas, tanto a un lado como a outro da estrada.E así chegamos a Betanzos, capital de provincia do Antigo Reino de Galicia e con categoría de cidade desde 1465.
Visita obrigada e de unha extraordinaria beleza arquitectónica é o seu casco histórico, desde o entorno da Praza de Irmáns García Naveira, ás Igrexas de San Francisco e Santa María do Azougue do século XIV ata a muralla da cidade e as súas entradas en arcos oxivais do século XV. E xa que estamos en Betanzos, podemos aproveitar a parada para aprovisionarnos con algunhas botellas de Branco Lexítimo na Casa do Queixo, en Segundo Alimentación ou na Artesa da Moza Crecha.
E por suposto, non se pode marchar de aquí sen probar a famosa tortilla de Betanzos, en case calquera restaurante se pode degustar este prato típico con unha grande calidade, pero en Mesón Os Arcos, ademais de contar con unha excelente cociña, atesoran unha boa representación de viños da zona.
Sen saír da cidade de Betanzos podemos camiñar ata o paseo do Malecón, no treito que vai desde a Ponte Vella a Ponte de Madeira podemos contemplar as viñas de O Penso, penduradas sobre o río Mandeo e as súas embarcacións tradicionais empregadas na coñecida romaría de Os Caneiros. Se nos vemos con ánimo podemos cruzar ao outro lado do río e pasear entre os viñedos, se temos sorte quizais poidamos atopar a Lorenzo Bescansa traballando nas súas fincas e ter un momento de conversa con él.
Para continuar a ruta é preciso subir novamente ao coche, desde a Ponte Vella collemos a DP0905 en sentido Paderne, ao lado dereito da estrada deixamos o río Mandeo e varias parcelas de viñedo que se ven interrompidas por outras fincas abandonadas, fincas que non hai moitos anos producían uva nun dos mellores terruños da zona. Unha grande parte de esta ladeira aínda conserva os muros de pedra feitos a man nos socalcos sobre o río Mandeo.
Ao deixar atrás o núcleo de Paderne, collemos o desvío en Quintás que nos vai levar á seguinte parada, o Lagar de Vilamourel. Trátase de un lagar comunitario con unha idade aproximada de 250 anos que da unha idea da importancia que tivo antigamente o cultivo das vides en este concello. Desde Vilamourel ata San Mamede de Vigo apenas hai dous minutos en coche, son os que nos separan do final do noso percorrido.
En esta aldea de Paderne atopamos unha pequena adega familiar, Casa Beade sempre merece unha visita, é importante concertar cita con anterioridade pero en calquera caso, de non facelo, sempre poderemos desfrutar de un dos seus viños de Branco Lexítimo na Taberna Beade fronte a adega, sen dúbida un bo xeito de finalizar a ruta con bo sabor de boca.
*Presidente de la Asociación de Adegueiros Viño da Terra de Betanzos y viticultor de Conexión Mandeo.