Os viños e a nova identidade da galega Eidosela, protagonistas na Barcelona Wine Week

O stand da adega de Arbo, emprazado na zona de D. O. Rías Baixas, recibiu un gran número de visitas durante esta feira referente mundial

Compartir: 

Eidosela Adegas Atlánticas vén de participar, por segundo ano consecutivo, na Barcelona Wine Week (BWW), unha das feiras con máis prestixio a nivel mundial dentro do sector. 

Nesta edición de 2024 tomaron parte preto dun milleiro de adegas de 73 Denominacións de Orixe diferentes, congregando a máis de 20.000 asistentes. 

Entre o luns e o mércores, a adega de Arbo contou cun ‘stand’ propio na zona de D. O. Rías Baixas. Polo seu posto pasaron un gran número de persoas, entre as que se inclúen distribuidores e exportadores tanto nacionais como de diferentes partes do mundo. 

“Un gran éxito”

Nestas xornadas, Eidosela estableceu contactos e reunións de traballo con profesionais de países como os Estados Unidos, China, Xapón, Italia, Polonia, Suecia ou Irlanda.

Os viños de Eidosela espertaron moito interese entre os e as asistentes, así como a súa nova identidade visual, na que brilla con luz propia a simboloxía coa tradición, a historia e a paisaxe do Condado do Tea, coa recreación do escudo da Igrexa de Santa María (século XVII). 

En canto aos viños promocionados, na Barcelona Wine Week espertaron un gran interese o Eidosela Xoven, Eidosela Selección, Arbastrum Condado de Tea e o escumoso Brut Nature. Precisamente, un dos grandes obxectivos da adega na súa participación neste evento era promocionar e dar visibilidade a este tipo de viños. Hai que lembrar que Eidosela é pioneira na elaboración de viños escumosos galegos, dentro da D.O. Rías Baixas.

Os responsables de Eidosela Adegas Atlánticas califican como “un gran éxito” esta experiencia, salientando, ademais, a predisposición amosada por diferentes profesionais e representantes para colaborar e traballar conxuntamente en proxectos vencellados ao enoturismo, así como negocios que están a piques de iniciar a súa actividade e que buscan produto. 

Lonxe de conformarse con esta gratificante experiencia, Eidosela xa traballa na súa participación en futuros eventos nos que continuar coa súa campaña de promoción, en citas como a próxima Feria Nacional del Vino (FENAVIN) en Madrid, El Salón do Gourmet tamén en Madrid, ou a do Viño Espumoso de Salvaterra do Miño.

Categorías: