Imágenes: Brindis na Feira do Viño do Rosal. Viaxe en globo na Ribeira Sacra. Turismo en Cambados. / FDV
En Galicia sómosche moi nosos: non é que non nos guste a Noiteboa, pero preferimos contar os anos de festa en festa do viño. Que llo pregunten senón ao antigo director do parador de Cambados, testemuña dos inicios da Albariño, hoxe declarada nin máis nin menos que Festa De Interese Turístico Internacional.
Coinciden desde o ámbito da bioloxía, a agricultura ou a enoloxía en que as nosas variedades autóctonas son auténticas xoias, pero (e malia que isto non poida verse na analítica), aínda máis que a súa calidade organoléptica importa como resoan nas nosas testas as palabras treixadura, godello, mencía ou loureira despois de levar anos escoitándollas aos pais ou aos avós.
Se os nomes das nosas uvas nos retrotraen ás voces daqueles aos que máis queremos; os seus aromas e sabores directamente nos transportan no tempo para recordar aquel chapuzón fresquiño no río ou o cheiro daquela outra comida de empanada e viño; aquel ano que papamos un calor inesquecible na vendima, ou esa viaxe, si: a que nos fixo pensar que o paraíso había de estar, seguro, cheo de cepas.
Quero dicir que, como ben acertaba aquel eslogan, o viño en Galicia é moito máis que viño: son paisaxes, panorámicas de vértixe, museos, contos e cantigas populares, mariscos, pescados e carnes, pero tamén rutas de sendeirismo en bosques incribles, días de surf ou vela e, por suposto, festivais de arte, de cine ao aire libre, de boa música.
Os nosos viños son Camiño(s) e tamén son mans e nariz, as das mulleres e os homes que deron forma a nosa paixón polo viño ata telo convertido no sector máis internacionalizado de todo o agro galego.
Din que os galegos somos moi acolledores. Eu digo que iso é polo viño. E se hai unha época para entender esta cultura en toda a súa expresión esa é, sen lugar a dúbidas, o verán.
Galegos e visitantes preparámonos para compartir mesa, copa e baile de verbena xuntos. Chegan días para dicir que a auga “esta boísima” ou para convertérmonos en mestres de galego con palabras como “bico” ou “solpor”; para facer esas excursións nas que desconectamos e escachamos coa risa cos amigos, as mesmas que recordaremos para darnos folgos nos días de “inverno”. Chegan os días de deitarse tarde, de charlar a fresca, de coller “a chaquetiña por se acaso”. Chegan días nos que brindaremos xuntos, sen distinción, con algúns dos mellores viños do mundo.
E a axenda presentase ben apretada, con máis dun plan por case cada fin de semana, para todos os perfís e gustos. Sen ir máis lonxe, agora mesmo, estase a celebrar o Festival do Viño da Ribeira Sacra en Monforte e, a finde que vén, hai cita no Rosal, co programa máis ambicioso de toda a historia da súa Feira do Viño.
Tamén esa finde voltará o “Ribeiro Son de Viño” a San Vicente do Mar, coa actuación de máis de media ducia de artistas e a frescura e elegancia dos seus viños como reclamo imprescindible. Arte, gastronomía e música sumarán forzas no 17º Ribeira Sacra, que terá lugar en Lugo a finde do 26 de xullo.
Ademais e tras o éxito das Feiras do Ribeiro e Valdeorras, celebradas en maio e xuño respectivamente, en agosto chegan algunhas das citas coas D.O galegas máis agardadas do ano. Por suposto, o Albariño de Cambados, que voltará a vila do 31 de xullo ao 4 de agosto; e tamén a de Monterrei, que terá lugar previsiblemente a mediados de agosto.
E todo isto sen contar coas innumerables festas gastronómicas previstas para estes dous mesas, nas que os nosos viños serán indubidablemente co-protagonistas naturais pois os nosos pratos e as nosas copas levan anos convivindo na mellor terra do mundo para ofrecernos unha maridaxe única. Que dis? Brindamos?