Un ben gratuíto nas terras do Bibei

Non é só pola beleza da postal, a alegría ven tamén ao pensar na colleita: Sempre foi considerada a neve un ben gratuíto para todas as terras, tamén para a terra onde se cultivan as vides

Compartir: 

Xa non é tan frecuente coma antes pero sí temos a sorte de que aínda suceda unha ou dúas veces o ano. No Bibei, case ningún inverno da paso a primavera sen nos deixar os viñedos cubertos de neve por un día. Un manto branco chega as ladeiras do río, ó seu paso polo concello de Manzaneda, para bendicir fincas coma as nosas, situadas a unha altitude de entre os 400 e os 750 metros sobre o nivel do mar.

Ese é un momento máxico, cando todo o entorno muda de cor e percibes matices diferentes nos lugares de sempre, cando te levantas pola mañá e ves as viñas nevadas, cheas de calma e quietude. Como ademais pasa pouco, é unha alegría. Disfruto moito deses días e, aínda que son xornadas nas que non se traballa, gústame acercarme aos viñedos para velos e gozar da sensación que deixa o silencio absoluto da paisaxe.

Non é só pola beleza da postal, a alegría ven tamén ao pensar na colleita: Sempre foi considerada a neve un ben gratuíto para todas as terras, tamén para a terra onde se cultivan as vides, vista como un abono gratuíto pola xente agricultora. Entre decembro e marzo, mentres os viñedos dormen no que é o seu tempo de reposo vexetativo, son moitos e diversos os beneficios da súa auga con respecto a da choiva para a terra. 

O caer de xeito suave, a auga da neve non provoca a compactación da terra, nin o arrastre da materia orgánica. E dicir, evita a erosión que se produce coa choiva forte, así como a compactación.Ademais, penetra na terra pouco a pouco e, polo tanto, aproveitase mellor que aquela que cae da choiva. Filtra moi a modiño, polo que todo o que son os acuíferos subterráneos nútrense máis da auga da neve que da da choiva.

Ten tamén un poder desinfectante, no senso de que equilibra a microbioloxía e desparasita a planta, por dicilo dalgún xeito, devolvendo a mirobiota o lugar que corresponde: o chan. Tamén hai outros efectos que se dan lugar no plano enerxético. A auga da neve sofre outros cambios e contén unha información diferente da que ten a choiva. Está mellor organizada e resoa mellor.

É certo que os cambios do clima son cada vez máis acusados: as temperaturas medias están sendo máis altas e a neve xa non dura nos altos das montañas todo o inverno, como ocorría tempo atrás, pero, como xa dixen, segue chegando entre unha e tres veces o ano para sorte da terra, das viñas e dos que as traballamos. Confío en que o novo ano nos deixe algunha nevada nos viñedos do Val do Bibei. Teño a intuición de que será máis tarde que pronto, xa chegado febreiro, pero estarémola esperando.

Categorías: