Viñedos con historia entre o Miño e as montañas do Paradanta

«O Minho! O jardim de Portugal”, escribiu José Augusto Vieira en O Minho Pittoresco ( 1886-1887), “O Miño! O xardín de Galicia”…

Compartir: 

«O Minho! O jardim de Portugal”, escribiu José Augusto Vieira en O Minho Pittoresco ( 1886-1887), “O Miño! O xardín de Galicia”, podemos dicir nós desde a beira arabense fronte a Melgaço entre veigas, requeixos e varcias adicadas á vide. Un medio propicio traballado desde hai mil anos con sabiduría e perseverancia pola man de labregos e labregas que gozan cando ven que as viñas parecen “andores”, ornamentais e dispostas para unha boa colleita. Se antano o viño era alimento, fonte de enerxía e un básico sustento económico familiar, hoxe é unha actividade industrial de alcance económico importante e os albariños, condados e novos espumantes de Arbo bébense polo mundo adiante. Un breve percorrido pola historia do viño lévanos a saborear aínda con máis pracer os caldos miñotos arabenses.

A historia estrita da vinicultura arabense, o seu auténtico punto de partida, iníciase na Idade Media e vincúlase ao dominio monástico-señorial, converténdose o viño desde entón nunha bebida en un recurso rendista de gran valor no transcorrer da vida cotiá e no devir deste territorio. A orixe nuclear de Arbo, en concreto da parroquia de Santa María de Arbo, parte das referencias aos lugares de Sanctus Petrus de Aravo e ecclesie sancte Marie de Aravo, vencellados daquela ao mosteiro de Melón e á granxa ou explotación agrícola que posuía nesa zona, na que se converteron en fundamentais o cultivo de cereais e da vide.

Os estudos centrados no XIX subliñan como elemento relevante de Arbo e parroquias a produción agrícola vinícola favorecida polo medio ao contar con terreos de boa calidade e fértiles, con riqueza de mananciais, regueiros e levadas, bos montes e un clima templado,” san e ben ventilado”. As operacións comerciais consisten principalmente na “ exportación de viño e froitos para dentro e fóra do reino” ( diccionario Madoz.1845). No século XX, a viticultura arabense, ao igual ca galega , inicia un periodo de certa fraqueza, porén a medida que avanza vai aumentando de maneira continuada a extensión da vide e a produción de viño debido sobre todo ao aumento do seu consumo e porque a demanda era maior ca oferta.

Logo dunhas décadas de estancamento, a gran transformación da paisaxe vitícola  virá a partir dos oitenta, primeiro coa “denominación específica albariño” en 1980-1984 e despois coa denominación de orixe Rías Baixas en 1988. Desde entón as viñas ocuparán non só os arredores ou a cabeceira da veiga, estenderanse polo centro do campo noutrora adicado á plantación do millo .A superficie da vide multiplícase en centos de hectáreas e xorden en Arbo case unha ducia de adegas industriais con modernas tecnoloxías que expanden o albariño, o condado e os novos espumantes polo mundo.

Entre paisaxes de videiras , podese aproveitar a estancia en Arbo para coñecer de perto o belísimo patrimonio natural e histórico orixinado e modelado ao longo dos tempos nestas terras da antiga Gallaecia, espazo común galego-portugués. Ubicados na praza consistorial do Pazo nun pequeno contorno urbano de harmónicas casas de cantaría ao lado do concello, que simbolizan os primeiros sinais da modernidade nos principios do XX, os visitantes teñen a opción de acudir ata o ARABO , fronte a centenaria carballeira de Turbela, centro de interpretación do viño e a lamprea, co ánimo de coñecer unha síntese dos recursos culturais que ofrece esta vila.

Unha vez situados, Arbo ofrece interesantes e variadas alternativas para gozar dunha xornadas de turismo natural, cultural e gastronómico en perfecta complementariedade. Nas ribeiras do Miño, por debaixo da ponte internacional, atópase un tramo de seculares pesqueiras e un dos puntos de partida do “roteiro dos pescadores” que transcorre a pola beira das augas a través das parroquias de Arbo, Barcela e Sela. Non moi lonxe, nas ribeiras do Deva, atópase a contorna e a ponte de Mourentán por onde pasa a antiga verea real Tui-Ribadavia e onde é posible realizar o sendeiro circular “da Moura”.

Outras propostas cheas de beleza e encanto poden encamiñarnos pola ruta dos pazos, torres e casas grandes, desde Sande a Cequeliños ou desde a Almuíña a Sela, ou ben optar pola arquitectura relixiosa da igrexa de Santa María de Arbo co seu dintel do século XV e as súas impresionantes vistas da vila arabense ou Santa Mariña de Sela coas súas impresionantes pinturas murais recentemente restauradas.A montaña ten o seu punto de referencia en San Fins onde se contempla unha impresionante panorámica de Arbo ata as ribeiras miñotas e Portugal.A partir da década dos 90, a ponte internacional permitiu a prolongación e complementariedade turística coa fermosa vila irmá de Melgaço, porta de entrada ao parque natural Peneda-Geres. Ademais de sendeirismo, é posible realizar actividades propiamente deportivas coma o rafting polos cachóns e rañas do Miño ou marchas BTT polas montañas do Paradanta.

A visita planificada a algunha das adegas D.O Rías Baixas- subzona Condado e a degustación vinícola e lampreeira nos restaurantes e casas de turismo rural, completarían unha visita fantástica ao “prodixioso universo da raia galego portuguesa”, en frase acuñada polo escritor e bo arraiano Méndez Ferrín. A celebración da Festa da Lamprea á próxima fin de semana, os días 27, 28 e 29 de abril, festa de interese turístico galego e nacional, pioneira do turismo gastronómico e cultural desde 1961, é unha ocasión ideal para experimentar o pracer de coñecer e saborear estas terras situadas estratexicamente á beira do Miño entre O Paradanta, O Condado e Portugal. Durante estes días de encontro , a lamprea verde no seu sangue e a lamprea escalada rechea harmonizan de maneira festiva cos excelentes albariños e condados brancos e tintos tan louvados por Álvaro Cunqueiro, invitado ilustre e cronista da Festa da Lamprea nos seus inicios:: “…rociadlo con albariño de Arbo, con un albariño casi espumoso; un albariño alegre como una reveirana…”, escribía no seu libro La cocina cristiana de Occidente.

Categorías: