Ramón Piñeiro sostiña que a comarca de Arousa é unha terra dotada de xeoanimia. Non ten, na miña opinión, nada de particular que este pequeno monto de ferrados de terra lle pareceran animados por un particular espírito. Nesta milla de ouro fixéronse patentes os tesouros que agochan as forzas telúricas como en ningunha outra parte. Producíuse, en efecto, unha concentración portentosa de xenios creadores: Valle-Inclán, os irmans Camba, Cabanillas, Asorey e Leiro. E na beira cercana: Dieste e Castelao. Quizais uns mesmosefluvios xeoanímicos derramáronse sobre os seres e as cousas, dotando de graza o viño albariño e fecundando o talento dos afortunados creadores que o beberon. Repárese en que naquel tempo o albariño comerciálizabase en moi escasa medida fóra da comarca, polo que resultaba difícil que o chegara a padalear quen non nacera nela. Xa que logo, semella que as raíces da Terra do Salnés nutriron coa súa maxia telúrica uns sotís vasos comunicantes que permitiron que se transfundira un mesmo ouro nas viñas, próvidas en acios, e no espírito humano que resultou así extraordinariamente fertil en artísticos kilates.
Nos tempos de Ramón Cabanillas o albariño non parecía ser o viño máis representativo da Terra do Salnés, aínda que fora máis estimado e caro. Érao máis ben o tinto espadeiro, a quen o vate exaltou en diversas composicións e dun xeito moi especial no seu célebre poema: «Diante dunha cunca de viño espadeiro», que publicou no libro Da Terra Asoballada, aparecido no ano 1917. A obra foi editada, por certo, en Vilagarcía de Arousa, o que favorecería sen dúbida a súa difusión pola comarca saliniense, e ao propio tempo debeu facer medrar o prestixio do espadeiro.
Cabanillas exaltaba ó espadeiro como: «¡o roxo viño, / sangue do corazón da nosa terra». Era tamén para el o «viño celta», que era tanto como asignarlle un carácter racial, algo así como a apócema sacra da estirpe de Breogán. O tinto espadeiro operaba, pois, como o viño identitario da Terra, en referencia máis propiamente a unha Galicia hipostasiada que á comarca do Salnés, na que naceu Cabanillas e onde revestía unha importancia grande o dito viño. Convén ter en conta que conciencia de seu de dita bisbarra, en tanto que entidade peculiar, non tiña un gran desenvolvemente daquela (a comezos do século XX). O espadeiro consagrábase tamén como viño petrucial. Era el quen infundía carácter ó que constituía a pedra angular e máis o pilar da familia: «o espadeiro é o espírito do petrucio», sustanciaba lapidariamente a lira do poeta. Quedaba, deste xeito, establecido un mitema asentado nun triple vértice: o Celtismo do Pobo, a Terra e o Petrucio.
Pero, quere isto dicir que se estimaba máis o espadeiro que o albariño? E, de ser isto así, cómo se explica a nidia decadencia experimentada polo espadeiro, ata o punto de que chegou un momento no que só existía unha adega que o comercializaba? A cuestión reviste un certo grado de enguedellamento que tentaremos de contribuír a clarexar.
Constitúe un efeito que na época en que o poeta cantou ó tinto espadeiro o albariño superábao nidiamente na valoración xeral. Tanto o seu prestixio como o seu prezo eran ben máis altos: aproximadamente, a cotización do albariño triplicaba á do espadeiro. Os labregos tamén o tiñan no seu maior aprezo, considerándoo un produto de luxo, aínda que talvez non o xulgaran como o máis axeitado para a xente da súa condición, por entenderen que o tinto era un alimento mellor e máis acaído eles.
Rosalía Castro mencionou as «albariñas parras» nun poema, mais convén agora referirse a unha rotunda e brillante alusión de Valle-Inclán á correspondencia entre viños e pratos, complexa cuestión na que se entreveran segredos nexos, á maneira dun concerto pitagórico. Nunha das comedias bárbaras, concretamente en Cara de Plata, barruntaba unha teoría respecto disto o seminarista Don Farruquiño, que como tal lucía as perdurables divisas dos colexiais: tricornio e beca; velaquí o parlamento que pronuncia: «Cada vino reclama su sacramento. Rueda blanco, propio para acompañar una tortilla de chorizos. Espadeiro de Salnés, bueno para refrescar en el monte, o en una romería o en un juego de bolos. Rivero de Avia, para las empanadas de lamprea y las magras de Lugo. Cada vino tiene su correspondencia en la vida, igual que todas las cosas. El mundo es armonía y concierto pitagórico. ¡Y nadie me rebata, si no está ordenado de teólogo!». Pois xa saben.