O camiño do viño

Non é o mismo contar historias que ter historia. Quen deguste no seu propio hábitat a nosa xoia vexetal, o viño Ribeiro; comprobará que non só está a consumir un produto de alta calidade, senón que está a desfrutar de séculos de tradicións

Compartir: 

Juan Manuel Casares*

Hai uns días presentamos a campaña “O camiño do viño. Ruta do viño do Ribeiro” que, máis alá dun lema suxestivo, constitúe unha aposta decidida por dinamizar o territorio da Denominación de Orixe Ribeiro, a través da análise, o deseño e a execución dun plan de acción co gallo de promocionalo coma destino enoturístico.

Esta acción representa a máis ambiciosa de todas as que a Asociación Ruta do Viño Ribeiro desenvolveu dende que foi creada no ano 2007 coma unha entidade destinada á promoción do territorio e os seus recursos endóxenos. Adegas, aloxamentos, restaurantes, balnearios e termas; un total de 52 socios que sintetizan as posibilidades que o visitante pode atopar nesta comarca.

Mais volvamos á cuestión principal. Campaña, plan, dinamización; un abano de verbas que ficarían baleiras de non ser por unha compoñente adicional que lles dota de todo o seu sentido presente ao tempo que lles abre as portas cara o futuro. Refírome ao feito de que “O camiño do viño” é froito da colaboración, por vez primeira, de catro entidades ourensás que se ligan nunha fronte común para potenciar unha comarca vitivinícola histórica. Deputación Provincial, Consello Regulador, Ruta do Viño e Xeodestino principiamos a facer realidade un pacto polo futuro do Ribeiro coma territorio rural con potencialidades aínda sen explotar.

“O camiño do viño. Ruta do viño do Ribeiro” contempla uns eixes estratéxicos que pasan, en primeiro lugar, pola promoción dos recursos do territorio (viño, enoturismo, termalismo, paisaxe,…) utilizando o viño Ribeiro e a riqueza da nosa historia coma fíos condutores dunha actividade dirixida a facer máis atractiva esta comarca vitivinícola para o visitante.

Contemplamos espertar a memoria de Galicia respecto do Ribeiro, un territorio e un viño que durante séculos foron un dos motores económicos da nosa terra: houbo un tempo no que falar de Galicia era falar do Ribeiro e hoxe arelamos que isto volva a ser así. En derradeiro lugar apostamos por poñer en valor un rico patrimonio tanto material coma inmaterial que nalgún intre deberan ser reivindicados porque forman parte do acervo histórico de Ourense e Galicia.

O obxectivo fundamental desta acción é que cada día nos visiten máis persoas e coñezan in situ os recursos do noso territorio; que gocen do patrimonio arquitectónico cultural ligado ao viño máis importante da península ibérica; que proben a nosa gastronomía e se mergullen nas sensacións que trasladan as nosas augas termais.

E como non podía ser doutro xeito queremos que degusten no seu propio hábitat a nosa xoia vexetal, o viño Ribeiro; comprobarán que non só están a consumir un produto de alta calidade, senón que están a desfrutar de séculos de historia e tradicións; do froito dunha paisaxe modelada a través dos séculos e substanciada nas cores, recendos e sabores que expresan as nosas castes autóctonas coa raíña Treixadura á fronte.

Persoalmente sempre tiven unha cousa clara: non é o mesmo contar historias que posuír historia. Consonte con esta afirmación categórica, “O camiño do viño. Ruta do viño do Ribeiro” quere trasladar a idea do Ribeiro como unha zona cunha historia ben documentada; esoutro elemento diferencial que nin as modas nin os dos tempos nos poderán arrebatar.

Todo semellar principiar con Roma que nos impuxo a aguia mais tamén nos deixou os bacelos. A romanización derivou na práctica do cultivo masivo da vide e o comercio do viño elaborado nos nosos lagares líticos.

As grandes ordes relixiosas, baixo o lema benedictino do ora et labora primeiro e a regra do Cister despois, purificaron a nosa alma, impulsaron a viticultura, cohesionaron o territorio e nos deixaron un rico patrimonio arquitectónico e artístico tanto románico coma barroco.

Entre os séculos XVI e XIX a explosión económica do viño Ribeiro encheu o noso territorio de pazos liderados pola verdadeira aristocracia rural de Galicia, os fidalgos, aqueles señores da terra que tan ben narrou Otero Pedrayo. Máis tarde os arrieiros difundiron, ao ritmo do seu cantar, o noso Ribeiro por toda Galicia: O impulso comercial de Santiago de Compostela non se explica sen o produto que entraba á vila simbólica de Galicia pola porta de Mazarelos; nin os portos galegos, vía Pontevedra, aumentarían o seu comercio ultramar sen o noso produto.

Dende esta óptica histórica “O camiño do viño” ten un simbolismo especial xa que representa en realidade moitos camiños: as rutas de peregrinos que ían cara Santiago; os camiños que os arrieiros seguían para comercializar o viño Ribeiro por toda Galicia; máis significa tamén o camiño dunha comarca vitivinícola no seu percorrido pola historia onde chegou a ser, durante moitos séculos, o gran viño de Galicia.

Unha comarca vitivinícola, catro entidades traballando xuntas e un camiño esperanzador por percorrer. Pasado, presente e futuro ligados mediante fotos que sí levan texto; postais dun vieiro que nos conducirá á revitalización socioeconómica dunha comarca rural histórica.

*Presidente del C.R.D.O. y de la Ruta do Viño de O Ribeiro

Categorías: