A Feira do Viño do Rosal chega este ano á súa XXXIV edición. Que significa para o municipio manter viva unha cita que xa forma parte da súa identidade colectiva?
A Feira do Viño é unha parte do corazón do Rosal. É unha desas datas que a veciñanza agarda con ilusión porque sabe que será tempo de reencontros, de compartir e de crear novos recordos. Na Feira prodúcense os brindis máis especiais do ano. Celébrase o noso viño, si, pero tamén a amizade, a familia e o orgullo de pertencer a un pobo que sabe abrir as portas e facer sentir a todos como na casa.
Que novidades presentará o programa desta edición?
Cada edición intentamos que a Feira medre sen perder a súa esencia. Este ano demos un paso importante en dúas liñas: consolidar unha programación familiar de gran calidade con espectáculos de compañías de referencia e ofrecer novas experiencias para descubrir e valorar o noso viño. No ámbito familiar contaremos cunha das programacións máis completas da historia da Feira, con espectáculos de compañías de referencia como Xirriquiteula Teatre, que traerá ao Rosal o seu impresionante pasarrúas Girafes, ademais de propostas como Clownamorado, de Rudi Dudi, ou O conto de Barrigaverde, de Fran Rei. Tamén repetimos actividades moi agardadas, como o obradoiro de cociña con Isaac Míguez, e incorporamos novas iniciativas de educación ambiental e creatividade arredor do mundo do viño. A outra gran novidade será o Túnel do Viño, unha experiencia inmersiva que permitirá coñecer e degustar os viños do Rosal da man dun sumiller profesional.
Como se consegue ese equilibrio entre tradición e novas propostas?
Creo que a clave está en entender que tradición e innovación non son conceptos opostos. A mellor maneira de conservar unha tradición é facer que siga viva, que evolucione e que cada ano sexa capaz de sorprender sen perder a súa esencia. Por iso o viño segue a ser o gran protagonista da Feira, pero marídase cunha programación que convida a descubrir o Rosal na súa totalidade: música en directo de calidade e para todos os gustos, unha oferta gastronómica cada vez máis diversa, actividades que poñen en valor o noso patrimonio, exposicións de arte, a tradicional mostra do Grupo Filatélico e Numismático Val do Rosal e novas experiencias como o Túnel do Viño, que permiten coñecer mellor a nosa cultura vitivinícola.
Que papel xoga a Feira na promoción do territorio e na proxección exterior do Rosal? Ata que punto contribúe tamén a reforzar o atractivo turístico do concello?
A Feira do Viño é a mellor carta de presentación do Rosal. Durante tres días milleiros de persoas descobren non só os nosos viños, senón tamén a nosa paisaxe, o patrimonio, a gastronomía, a economía, as persoas e a maneira que temos de vivir e compartir os espazos públicos. Moitas persoas regresan despois para coñecer as adegas, percorrer os Muíños do Folón e do Picón, facer sendeirismo, visitar o noso pobo ou simplemente volver gozar do Rosal con máis calma. Iso é precisamente o que buscamos: que a Feira sexa unha porta de entrada ao territorio.
Este ano a Feira conta coa certificación de Festa Sostible de Galicia Suroeste. Que supón este recoñecemento e que medidas se están a impulsar?
No Rosal entendemos que a sostibilidade e a corresponsabilidade na conservación da nosa contorna son unha forma de entender o presente e o futuro do municipio. A obtención do recoñecemento é un orgullo porque recoñece ese compromiso compartido entre o Concello, a veciñanza, as adegas e as persoas que nos visitan. Volveremos gozar da Feira dun xeito responsable, con vasos reutilizables e cataviños, puntos de subministración de auga distribuídos pola Praza e un sistema de limpeza de recollida selectiva de residuos.
Que lle diría a unha persoa que nunca visitou a Feira do Viño do Rosal para convencela de achegarse este ano?
Diríalle que veña sen expectativas e que se deixe sorprender. Vai atopar un pobo que abre as portas, unha Praza chea de vida, adegas que comparten con orgullo o seu traballo, música, gastronomía, patrimonio e actividades para todas as idades. Estou convencida de que quen nos visita por primeira vez entende moi rápido por que esta Feira ocupa un lugar tan especial no corazón da veciñanza. Porque aquí non só se vén degustar un bo viño; vense vivir unha experiencia e compartir momentos que quedan na memoria. Se algo caracteriza á Feira do Viño do Rosal é que sempre dá ganas de volver.
Máis alá da propia Feira, que proxectos están enriba da mesa para seguir impulsando o Rosal nos vindeiros meses?
Nos vindeiros meses veremos culminar proxectos moi importantes, como a reforma integral do auditorio municipal, do pavillón ou do campo de fútbol. Ao mesmo tempo, seguiremos avanzando na recuperación do espazo público e do patrimonio en todos os barrios. Este verán iniciaremos a transformación da contorna do San Gregorio, en Pías, e continuaremos impulsando e traballando en proxectos como en Martín, San Miguel, Caselas, San Xián, Tabagón, As Eiras, Novás, Pancenteo, e outros puntos do municipio. Queremos seguir a recuperar as escolas unitarias, crear novas prazas, mellorar a mobilidade segura e seguir poñendo en valor lugares que forman parte da nosa identidade.
Que retos ten por diante o Rosal?
O noso reto segue sendo o mesmo: facer do Rosal un lugar onde a xente queira quedar, regresar ou comezar un novo proxecto de vida. O gran reto é seguir medrando sen perder aquilo que nos fai únicos. Non queremos ser un destino máis; queremos seguir sendo O Rosal. Un lugar onde o viño, a natureza, a cultura, o deporte e a paisaxe forman parte dunha mesma identidade e dunha forma de vivir. Un concello que medra, si, pero que o fai sen perder a súa identidade, coidando o territorio, fortalecendo a comunidade e creando oportunidades para o futuro.
Que lle gustaría que quedase na memoria da veciñanza e das persoas que visiten o Rosal?
Gustaríame que as persoas quedasen co corazón cheo. A Feira do Viño do Rosal é unha celebración do noso viño e da nosa terra, pero, sobre todo, unha celebración das persoas. Dos reencontros, das emocións compartidas e deses momentos que, sen decatarnos, acaban converténdose en recordos para toda a vida.

