O viño nas duras invernías

Xavier Castro* A historia de Galicia fíxose tremendo de frío. O viño contiña calorías e, polo tanto, posuía unha clara función enerxética na fisioloxía popular. Constituía un aporte calórico relativamente barato e, deste xeito, beber, e mesmo beber abondosamente durante os inacabables meses invernais, era unha maneira de reaxir descontra da friaxe que calaba nos ósos. Botaban man deste procedemento calórico os sectores sociais que se vían máis danados pola intemperie: labregos, mariñeiros e obreiros. Os campesiños tiñan que aturar a friaxe namentres traballaban no campo, do mesmo xeito que os mariñeiros tiñan de arrostrala cando faenaban nas embarcacións. Pero tamén cando uns e outros se recollían nas casas, que innumerables veces eran casoupas ou chozas. Un veciño que residía nunha parroquia perto de Vigo, concretamente en Bembibre, onde no se debería vivir mal dacordo co seu étimo (Bene vívere),tiña unha pipa de viño na súa casa e declaraba, en 1884, que lle servía “pra enxaugar as gorxas i escorrentar a xeada”.Poucos dubidaban dos benéficos efectos do viño, en orde a combater o frío do corpo, e tamén se cadra da alma, como puña de manifesto un refrán: “O viño alegra o ollo e quenta o corpo”. Unha peza teatral de Armando Cotarelo Valledor: Beiramar, publicada en 1931, expresa esta función que desempeñaba o viño, na vida dos mariñeiros: “A vida do mar é áseda. Pasan molladuras e friaxes, chegan xiados; teñen que se quentare para non aterecer”. A solución era procurar na taberna a calefacción interior. Emilia Pardo Bazán fai referencia no relato El Xeste, a uns albaneis que traballaban ao vintimperio, sen que lles importara gran cousa a friaxe que pasaban, pois: “Ya se calentarían bien por dentro, con el mejor abrigo de Dios que es la comida y la bebida”. O emprego do viño quente con azucre era…

Compartir: 

Xavier Castro*

 A historia de Galicia fíxose tremendo de frío. O viño contiña calorías e, polo tanto, posuía unha clara función enerxética na fisioloxía popular. Constituía un aporte calórico relativamente barato e, deste xeito, beber, e mesmo beber abondosamente durante os inacabables meses invernais, era unha maneira de reaxir descontra da friaxe que calaba nos ósos. Botaban man deste procedemento calórico os sectores sociais que se vían máis danados pola intemperie: labregos, mariñeiros e obreiros. Os campesiños tiñan que aturar a friaxe namentres traballaban no campo, do mesmo xeito que os mariñeiros tiñan de arrostrala cando faenaban nas embarcacións. Pero tamén cando uns e outros se recollían nas casas, que innumerables veces eran casoupas ou chozas. Un veciño que residía nunha parroquia perto de Vigo, concretamente en Bembibre, onde no se debería vivir mal dacordo co seu étimo (Bene vívere),tiña unha pipa de viño na súa casa e declaraba, en 1884, que lle servía “pra enxaugar as gorxas i escorrentar a xeada”.

Poucos dubidaban dos benéficos efectos do viño, en orde a combater o frío do corpo, e tamén se cadra da alma, como puña de manifesto un refrán: “O viño alegra o ollo e quenta o corpo”. Unha peza teatral de Armando Cotarelo Valledor: Beiramar, publicada en 1931, expresa esta función que desempeñaba o viño, na vida dos mariñeiros: “A vida do mar é áseda. Pasan molladuras e friaxes, chegan xiados; teñen que se quentare para non aterecer”. A solución era procurar na taberna a calefacción interior. Emilia Pardo Bazán fai referencia no relato El Xeste, a uns albaneis que traballaban ao vintimperio, sen que lles importara gran cousa a friaxe que pasaban, pois: “Ya se calentarían bien por dentro, con el mejor abrigo de Dios que es la comida y la bebida”. O emprego do viño quente con azucre era unha bebida moi característica sobre todo de países da Europa setentrional. En Holanda, por exemplo, era moi habitual o bishop, que en inglés significa bispo, e que moi probablemente quere designar unha bebida de luxo propia dun prelado. Servíase con gran profusión nos teatros, bailes e demais ocasións de diversión. Tamén se recorría a esta “terapéutica” en Galicia, onde había quen o tomaba, non tanto polo pracer que reportaba, como para combater os rigores do inverno. Así o facían nas zonas onde se cultivaba viño e era posible recorrer a el con relativa facilidade. Tamén, unha informante, nada na zona do litoral sur no ano 1928, sinalaba algo que era efectivamente moi común no conxunto de Galicia, tomar viño quente na época de maior friaxe, o Nadal, constituíndo de paso unha larpeirada navideña máis. Neste caso, dábanlle este carácter o azucre, un articulo de luxo, e máis o pan de trigo, co que se permitían facer sopas en tan especial ocasión. En diversas localidades rurais da provincia de Pontevedra, nas primeiras décadas do século actual, tomábase viño quente con moito azucre, nas que se empapaban rodaxas de pan tostado. Denominábano “sopas borrachas”; e o desfrutaban algunha que outra vez no inverno, sendo especialmente característico da Noiteboa. A celebración do Aninovo era outra boa oportunidade de tomalo, segundo a evocadora estampa narrada por Rosalía Otero, que pertenceu a unha familia labrega relativamente ben remediada:”Había unas galletas de pan (…) todas aplastaditas y ya las traían para eso. Entonces calentaban una olla de vino con azúcar, le echaban canela y ponían a tostar un poquito de pan al lado de la lumbre. Desmigaban en una taza toda llena de vino; aquella taza quedaba. Al otro día desyunabas con ella, raparija”.

Servir era o pan do demo

O escritor Xavier Castro vai presentar o día 30 de decembro o seu último libro Servir era o pan do demo. Historia da vida cotiá de Galicia. Séculos XIX e XX, Editorial Galaxia, ás 19:30 horas no Vitruvia. Unha obra que relata, con amenidade, interesantes cuestións sobre a historia cultural do viño en Galicia, a que o autor adicou cinco anos de traballo.  

Categorías: